A pandemia acabará con moitas cousas, pero nunca coas ganas de sorrir. Un humor máis necesario ca nunca para afrontar os difíciles tempos que nos está tocando vivir. Así o pensan tamén Etiqueta Negra e o Concello de Sarria que semanas atrás decidiron botar adiante un ciclo de humor baixo o título “Sarria Sorrí” e polo cal pasaron xa humoristas como Leo Harlem, Eva Soriano, Álex Clavero, Quique Matilla e Pablo Meixe. En novas datas poderemos ver a Alberte Montes, Oswaldo Digón e David Amor.
Este venres, 7 de agosto, chega dende Barcelona Alberte Montes, un todoterreo da escena e do humor. Non hai moito, foi ‘Padín’ na afamada ficción de Antena 3 “Fariña”, e actualmente pódeselle ver na Galega encarnando ao trapalleiro ‘Manolo’ na serie “Do dereito e do revés”. Estes meses de verán colabora polas tardes no programa da SER ‘La ventana’ e esta semana anda por Galicia, nunha escapada ao seu Anguieiros natal en Quiroga para descansar e atender compromisos artísticos como o de Sarria. Tiña tamén unha actuación nunhas xornadas culturais organizadas pola Asociación de Veciños de Tarracós -no Concello da Merca- o 8 de agosto pero foi cancelada por decisión municipal.
Cóntanos Montes que vén con moitas ganas, con fame de escenario tras cinco meses sen monologuear, pero con moitos temas novos na mochila para goce dos e das que se acheguen á terraza ‘O Meigallo’ este venres 7 ás 22:00 h. (Previa reserva contactando no 697405088).
Falamos catro cousas con Alberte.
Como levas este estraño 2020?
No profesional expectante, sen medo pero moi en alerta. Intentando aproveitar as estrañas circunstancias para ser creativo, ler, aprender… No persoal, curiosamente, xa foi un dos anos máis importantes da miña vida. Fun pai. Trouxen ó mundo a unha ‘pandemial’.
Terá que reinventarse o sector cultural ou todo volverá ao seu sitio cando todo isto pase?
Sen ser optimista de máis, creo que todo volverá ó seu sitio. Un sitio dende logo non de privilexio, como está quedando claro nestes momentos. Os traballadores e traballadoras da cultura fomos dos máis damnificados nesta crise, esquecidos e menosprezados. Por outra banda, si que creo que chegarán e quedarán novas formas de facer e ofrecer cultura ó público. Remontar é duro, pero tamén apaixonante.
Dende hai unhas semanas podemos escoitarte na SER. Que destacarías de facer humor neste medio?
Son moi fan da radio e do humor na radio. Fixen radio dende moi pequeno e durante moitos anos, e sempre é un pracer volver a atoparme con ela. Ademais, escribir unha peza de humor diaria é un ximnasio caralludo. Desfruto coma un neno pequeno.
Esta semana andarás por Galicia. Traballo e descanso a partes iguais?
Iso é. Máis descanso do esperado, pola cancelación dunha das actuacións previstas, cousa que entraba nos plans tendo en conta as circunstancias. Desfruto moitísimo do meu traballo e non o cambio por nada, pero de descansar tamén son.
Estarás no teu Anguieiros da infancia, en Quiroga. Visita obrigada cada ano, non?
Si, xa ves, nin o Coronavirus me para. Preciso, por poucos que sexan, duns días de verán na aldea. Por saúde mental e espiritual.
O vindeiro venres 7 de agosto podemos verte actuando en Sarria. Cóntanos.
Téñolle moitas ganas, é a miña primeira actuación en cinco meses. Se normalmente xa vou coa enerxía a tope, ese día vou verter por fóra…
Que temas traes na mochila para esta actuación?
Ademais de temas predilectos, como a aldea, os veciños, etc, tratarei tamén temas da miña actualidade: Covid, ser pai… E entre unha cousa e outra igual boto alí catro horas.