HomeCulturaCiclo de cinema galego actual na Pobra do Brollón

Ciclo de cinema galego actual na Pobra do Brollón

Dende a área de Cultura do Concello da Pobra do Brollón propoñen pechar o ano cun ciclo de tres filmes galegos estreados no presente 2020. As proxeccións son de balde e requirirán reserva previa no teléfono 650 624 828.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O ciclo estréase o próximo sábado 12 coa proxección de Dorothé na Vila, dirixida por Alejandro Gándara e Olaia Tubío. Trátase dun documental baseado en Dorothé Schubart, musicóloga suíza que investigou e fixo recollida en Galicia creando un dos cancioneiros máis importantes e recoñecidos. 

Para esta proxección deseñouse a maiores unha actividade en colaboración coa Escola Municipal de Música Samoeiro. Despois da proxección os directores ofrecerán un obradoiro de recollida de tradición musical para que os asistentes poidan aplicalo.

“Para nós é moi importante continuar coa oferta cultural neste ano de pandemia. Pretendemos dar alternativas de lecer e cultura aos noso veciños dentro dos límites dun ano como este e sempre observando as recomendacións e normativas,” comenta Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.

A segunda proxección, o domingo 20, será Reboiras. Acción e corazón, dirixida por Alberte Mera e que trata a vida do sindicalista asasinado no 1975. A proxección contará coa presenza do director e como a anterior terá lugar na Casa da Cultura ‘Olga Novo’.

O ciclo pechará o domingo 27 coa proxección de Ons dirixida por Alfonso Zarauza, un director xa habitual dos ciclos de cinema da Pobra do Brollón. Ons será estreada en salas o próximo día 18 pero xa colleitou premios e grandes críticas en festivais como o de Sevilla ou Márgenes. Ademais o seu director, que asistirá á proxección, acaba de ser recoñecido co premio Cineuropa.

Esta proxección terá lugar no Local Multiusos de Salcedo debido á súa maior capacidade. “Grazas á colaboración da Asociación Veciñal de Salcedo podemos empregar esta infraestrutura dotada de equipo de son e cadeiras suficientes e, sobre todo, cunha capacidade maior, o que nos permite ofrecer as prazas máximas permitidas,” comenta Maceda.

ÚLTIMAS

Doc Magoo’s: 25 anos de Rock and Roll

A banda de rocanrol Doc Magoo's percorreu un longo camiño desde os seus inicios...

Este 7 de xullo péchase a zona de xogos do Parque da Compañía

A primeira hora da mañá deste luns, 7 de xullo, procederase á realización de...

A campaña ‘Merca no teu comercio’ chega á Comarca de Quiroga

'Merca no teu comercio' chega aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso...

Extinguido o incendio de Monforte que afectou a Seoane e San Xiao de Tor

A Consellería do Medio Rural deu por extinguido un incendio no municipio de Monforte...