A mostra, “Xela Arias. A poesía do retrato”, que se complementa cun libro catálogo, é o eixo central das actividades organizadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo polas Letras Galegas. Concebida para espazos exteriores e cun formato adaptado á itinerancia, inaugurarase o vindeiro 1 de maio en Sarria e exporase despois en Lugo, Chantada, Monforte, Viveiro e Ribadeo.
A exposición consta de 20 imaxes en branco e negro que dialogan con cadanseu texto poético, dando lugar a unha potente interacción entre a fotografía e poesía. A colección de imaxes, que se amplía ata as 53 no catálogo que acompaña a mostra, retratan a poeta posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil, no seu período vital dos 26 aos 40 anos. Son imaxes cargadas de poesía, onde a mirada penetrante de Xela Arias observa de fronte e con honestidade.
Os retratos recollen a vontade creativa e os pactos estéticos do fotógrafo e da poeta, que non só se amosa como modelo, tamén como creadora. Os textos poéticos que acompañan as imaxes corresponden a fragamentos da poesía dispersa de Xela Arias, versos publicados en xornais, revistas e fanzines recollidos por María Xesús Nogueira en “Poesía reunida (1982-2004). Xela Arias” (Edicións Xerais, 2018).
Xulio Gil destaca a vinculación de Xela Arias con Lugo “fíxose poeta e adulta en Vigo, pero era de Lugo, tiña corenta anos e era de Lugo, porque era a antropoloxía que tiña na casa, co seu pai Valentín e coa súa nai Amparo. Estou seguro de que sería para ela un orgullo que a súa poesía e a súa imaxe estiveran por todo Lugo”, sinalou.
Formato e itinerancia
A instalación das fotografías e dos poemas preséntanse impresas en panel metálico de aluminio de 3 mm. encadradas sobre 10 macromarcos de aceiro galvanizado sobre peana de formigón. Un formato concebido para a instalación en espazos exteriores e a itinerancia, unha fórmula coa que a Vicepresidencia da Deputación aposta por achegar a poesía e a fotografía ás diferentes comarcas.
A exposición comezará o seu percorrido pola provincia de Lugo o 1 de maio en Sarria, localidade natal da autora, e estará instalada en paneis distribuídos polo centro urbano da vila ata o 20 de maio.
A mostra poderá verse despois en Lugo, do 21 de maio ao 21 de xuño; en Chantada, do 22 e xuño ao 8 de xullo; en Monforte, do 9 de xullo ao 2 de agosto; en Viveiro, do 3 ao 26 de agosto; e en Ribadeo, do 27 de agosto ao 27 de setembro.
“Cando soubemos da elección de Xela Arias para o Día das Letras Galegas 2021, entendemos que era un nomeamento que nos apelaba directamente, pola orixe sarriá da poeta pero tamén polo seu compromiso social, polo seu feminismo e pola súa vontade de abrir novos camiños para a poesía e a creación en galego”, explica a vicepresidenta Maite Ferreiro.
“Esta fórmula expositiva, para exteriores e itinerante, responde á vontade de sacar a poesía de Xela Arias á rúa. Sacar a poesía do sillón do lector, como ela mesma ten dito e feito a través de recitais e doutras intervencións que achegaban a poesía a linguaxes e públicos diferentes”, indicou.
Á espera da inauguración da mostra, continúa coa difusión da serie audiovisual “Outras voces para as letras de Xela”, con quince pezas audiovisuais nas que a obra da poeta pasa pola voz, performance e reflexións biográficas de escritores e escritoras, artistas, familiares e persoas anónimas.