InicioCulturaO Courel, aula incomparable para os obradoiros de Artesanía de Galicia

O Courel, aula incomparable para os obradoiros de Artesanía de Galicia

A Fundación Pública Artesanía de Galicia, en colaboración co Concello de Folgoso do Courel e a Fundación Uxío Novoneyra, divulgará os oficios artesáns galegos nestas terras. Os obradoiros desenvolverase do 30 de xullo ao 8 de agosto en diferentes localizacións.

Publicado o

- Advertisement -

As terras do Courel acollen este verán, entre o 30 de xullo e o 8 de agosto, un amplo programa de obradoiros de artesanía galega co obxectivo de visibilizar os oficios nun marco natural incomparable e contribuír deste xeito á difusión do valor engadido dos produtos artesáns.

A veciñanza do Courel, visitantes, turistas e calquera interesada/o nos contidos da programación poderá participar nalgún dos obradoiros que se ofrecerán estes días en diferentes espazos do Concello de Folgoso do Courel –Fundación Uxío Novoneyra e escolas unitarias–. Para algúns deles será precisa a inscrición previa na páxina web de Artesanía de Galicia.

OBRADOIROS CON INSCRICIÓN PREVIA

-Iniciación á ourivería. Traballaranse as técnicas de ourivería tradicional, creando unha xoia que se deseñará sen ningunha limitación creativa. Do 30 de xullo ao 2 de agosto en horario de mañá e tarde na Antiga Escola Unitaria de Parada.

-Ilustración dun caderno de viaxe. Este obradoiro ten como obxectivo chegar a documentar mediante o debuxo a experiencia e a paisaxe da contorna onde se desenvolverá a formación. Do 30 de xullo ao 2 de agosto en horario de mañá e tarde na Antiga Escola Unitaria de Parada.

-Ecogravado. Coñeceranse as posibilidades expresivas dos materiais que desbotamos respectando as técnicas de edición gráfica. Iniciación tamén na introdución de elementos naturais da contorna nas composicións persoas e técnicas de gravado. Do 5 ao 8 de agosto, con horario de mañá e tarde na Escola Unitaria de Parada.

-Manipulado de papel. Empregarase papel para elaborar flores e lámpadas con técnicas de paper art e origami. Será os días 30 e 31 de xullo, e 1 de agosto, en horario de mañá e tarde no Centro Sociocultural Fondo de Vila de Folgoso do Courel.

-Cesta con asa de madeira. Crearanse cestas asimétricas con asa de madeira traballando principalmente con médula de ratán. Coñeceranse as técnicas principais de tecido con fibras vexetais, os métodos de traballo e as nocións básicas sobre os materiais e as ferramentas do oficio da cestería. Cómpre levar tesoira e navalla. Realizarase os días 2 e 3 de agosto en horario de mañá e tarde no Centro Sociocultural Fondo de Vila de Folgoso do Courel.

Cesteira Julia de la Cal. Foto: Fundación Pública Artesanía de Galicia

-Botellas forradas con fibras vexetais. Forraranse botellas con diferentes materiais e cores e tamén se elaborarán pequenos candeeiros. Terá lugar os días 4 e 5 de agosto, en horario de mañá e tarde no Centro Sociocultural Fondo de Vila de Folgoso do Courel

-Bordado botánico. Bordarase unha ilustración botánica sobre unha bolsa de algodón 100% empregando puntos planos e de relevo con diferentes fíos e cores para aportar diferentes texturas. Do 6 ao 8 de agosto en horario de mañá e tarde no Centro Sociocultural Fondo de Vila de Folgoso do Courel.

-Restauración de mobles de madeira. As persoas asistentes daranlle unha nova vida a mobiliario en desuso a través de diferentes técnicas artesanais de restauración. Farase do 6 ao 8 de agosto na Antiga escola Unitaria de Froxán, en horario de mañá e de tarde.

OBRADOIROS DE BALDE ABERTOS A PÚBLICO ADULTO E INFANTIL

Estes obradoiros non precisan de inscrición previa e pódense facer incluso en familia, abertos a público infantil e adulto.

-Iniciación ao torno cerámico. Elaboraranse pezas de barro nun torno mediante técnicas da olería tradicional galega. Do 30 de xullo ao 8 de agosto no Centro Sociocultural Fondo de Vila de Folgoso do Courel con horario de mañá e de tarde

-Creación de cianotipias. Procedemento fotográfico no que empregando papel de acuarela e un produto químico sensible á luz, este exponse directamente ao sol usando negativos de fotografía ou obxectos diversos, obtendo finalmente unha imaxe azul prusian. Do 30 de xullo ao 4 de agosto, en horario de mañá e de tarde na Fundación Uxío Novoneyra de Parada.

-Elaboración de papel e encadernación artesanal. Aprenderanse técnicas tradicionais para elaborar papel artesán que despois será empregado nun pequeno proxecto empregando a técnica de encadernación xaponesa. Do 1 ao 6 de agosto en horario de mañá e de tarde na Fundación Uxío Novoneyra de Parada.

-A técnica do transfer. Mediante a técnica do transfer pasarase unha imaxe dun papel especial á superficie de diversos materiais. Do 2 ao 7 de agosto en horario de mañá e de tarde na Fundación Uxío Novoneyra de Parada.

-A técnica do Gyotaku. Técnica tradicional xaponesa de estampaxe artesán na que se fixa o recordo de obxectos tridimensionais a través da súa pegada. Do 3 ao 8 de agosto na Fundación Uxío Novoneyra en horario de mañá e de tarde.

ÚLTIMAS

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...