InicioCulturaAposta polo talento local no Festival As Cores do Outono esta fin...

Aposta polo talento local no Festival As Cores do Outono esta fin de semana na Pobra do Brollón

Esta fin de semana do 16 e 17 de outubro, celebrarase na Pobra do Brollón a sétima edición do festival As Cores do Outono. Será unha edición completa con diferentes eventos relacionadas coa poesía, o baile, o teatro, a maxia e por suposto, a música.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Tras a suspensión da cita o ano pasado por mor da pandemia, este ano volve para posicionarse como un festival folk de referencia no outono do sur de Lugo. “Con esta edición especial queremos recuperar a esencia do festival, máis pegado á terra e tocando máis disciplinas artísticas alén da música,” declara o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.

A programación comezará o sábado 16 ás 12:00 coa presentación na Casa da Cultura do novo poemario de Carlos Da Aira, Punto de Ignición, acompañado pola poeta Olga Novo.

Seguirá cun vermú ás 13:30 na terraza do Primeiro de Maio cunha sesión de música a cargo de Teresa Ferreiro. Esta artista e DJ procedente de Santiago de Compostela é coñecida polas súas sesións eclécticas e experimentais que mesturan xéneros como cancións de Leilía con techno.

Pola tarde ás 17:30 na área recreativa de Samugueiros terá lugar un obradoiro de baile tradicional a cargo de Montse Rivera, membro fundadora de Leilía. O obradoiro está indicado para persoas que xa saben bailar un pouco e incluirá puntos recollidos da zona.

Despois ás 19:00 haberá unha sesión de maxia co Mago Marco na Casa da Cultura, indicada para público familiar. A partir das 20:00 ábrense as portas para os concertos na Área recreativa de Samugueiros. Este ano serán unha aposta polo talento e música locais, comezando polo Combo Guimaralia, formado por músicos de gran recoñecemento na música tradicional vinculados ao municipio, como son Suso 40, Xián Herrera, Xosé Maceda,  Pablo Bernárdez, Pablo Camarero e Óscar Sánchez.

Tras Combo Guimaralia será o concerto de ‘Músicas de Ferreiros’, o proxecto musical do gaiteiro Javier Franco, afincado en Madrid, no que recupera pezas da aldea dos seus avós na Pobra do Brollón. Este concerto será a presentación do proxecto e estará acompañado de músicos de gran traxectoria procedentes de dentro e fóra de Galicia, como Luis Caruncho (zanfona e brindos), Carlos Quintá (violín), Patricia Sánchez Seoane (voz), Javier Vizcaíno e Jesús Parra (guitarra), Javier López (acordeón), por nomear algúns dos que estarán tocando a noite do sábado. As actuacións musicais rematarán coa coñecida agrupación de Sober, Os Parentes.

Un festival para poñerse en pé

Respectando todas as normativas vixentes, o festival contará con zona de baile de pé, onde non se poderá consumir nin fumar, e será obrigatorio o uso de máscara. Asemade haberá un espazo con cadeiras onde o público tamén poderá asistir sentado ao concerto. As zonas de baile e de cadeiras estarán separadas da zona de barra onde si se poderá consumir.

Esta separación dos espazos así como a obriga de ter os datos dos asistentes fai máis complexa a produción, polo que dende a organización piden colaboración e animan a que os asistentes vaian facendo as reservas con antelación.

“Queremos ofrecer o primeiro concerto de pé en case dous anos e ademais de xeito gratuíto. Só pedimos un pouco de colaboración enviando un WhatsApp para facilitarnos a labor,” comenta Maceda.

Programación para todos os públicos

O domingo 17 terá lugar unha obra teatral dirixida ao público familiar: Duncan de Palleiro, da agrupación Lîlâ Teatro. Será ás 18:30 na Casa da Cultura.

Ese día ás 12:30 haberá un vermú poético no que participarán poetas de diferentes puntos de Galicia: Antía Balvís, Lorena Fernández, Zaira Ferradás, Iago González, Ximena López e Marco Martínez. Ademais haberá micro aberto e música a cargo das Pandereteiras de Cántigas e Frores.

Todas as actividades son gratuítas, previa reserva no teléfono 650 624 828. As reservas fanse preferiblemente por WhatsApp, indicando nome completo e número de prazas. A excepción é a sesión de música de Teresa Ferreiro, que se reserva directamente no bar Primeiro de Maio, no teléfono 982 430 134.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...