No certame deste ano coinciden 31 poetas de Galicia e de Castela e León, comunidade veciña que sempre aporta importante participación ao evento. Sen ir máis lonxe, o condutor do acto será Emilio Vega, poeta berciano, e o pregoeiro Manuel Blanco Pacios, coñecido escritor de Ponferrada e gañador do premio nacional “Círculo Rojo” á mellor novela histórica no ano 2017.
O evento, organizado polo concello de Quiroga, será no Salón de Actos Ánxel Fole da Casa da Cultura de Quiroga ás 19:30 h. e busca poñer en valor e fomentar o interese pola lírica como xénero literario. Participan poetas e poetisas con experiencia e obra publicada pero tamén afeccionadas/os con inquietude pola poesía que buscan expresarse e coñecer a outros autores. Poden asistir de público todos aqueles que estean interesados e non se cobra entrada para acceder ao mesmo.
O recital poético, no que todos os inscritos terán a oportunidade de recitar algunha das súas obras, terá acompañamento musical a cargo do cantautor Javier Rodríguez Sotuela e o dúo monfortino Yoton, con Yoan Grudikov ao violín e Antoeneta Grudeva ao piano.
Ao final do acto, todos os participantes recibirán un diploma e unha medalla de recordo e serán obsequiados cunha cea nun establecemento da localidade.
Dende hai anos, o monfortino Germán López Quiroga é un dos colaboradores que se encarga, xunto con Emilio Vega, da programación do encontro poético.