Dentro da programación de actividades infantís contarase co obradoiro de cociña Mini Chef, haberá Ludoteca Municipal, certames de narración e debuxo das Letras Galegas ou un concurso de debuxo sobre a feira do Viño. Nas actividades específicas para os maiores no Centro Social haberá xornadas de bingo e ximnasia de mantemento. Prográmanse tamén exposicións, teatros, contacontos, clases de música ou os cursos de tecido en tear e os cantos de taberna que se retoman despois de dous anos de pandemia.
Entre as novidades organízase un obradoiro da técnica de Pedra Seca, organizado polo Xacobeo 2021-2022 e a Acción Cultural en colaboración co Concello de Quiroga. A pandemia tamén trouxo outras actividades que agora se manteñen como as andainas polo val de Quiroga que dada a súa aceptación continuarán a desenvolverse nestes meses de primavera. No eido deportivo tamén seguen impartíndose as escolas deportivas de fútbol sala e voleibol e os días 7 e 8 de maio desenvolverase o Quiroga Trail de Challenge.
Destacan as festas de Entroido a finais deste mes de febreiro e o día 8 de marzo, día Internacional da Muller. Por suposto, a celebración os días 16 e 17 da XL Feira do Viño con todos os actos que conleva: concurso Quiroga de Tapas, carreira popular ou concurso de camisetas; e xa para maio, a Mostra do Aceite.
A maiores hai actividades que non están organizadas dende o concello pero con colaboración no seu desenvolvemento como son os cursos de estimulación congnitiva ou as clases de baile rexional, gaita e pandeireta, adestramento persoal, pilates ou zumba.
Todas as actividades propostas, que xa están recollidas nun folleto a disposición de todos os veciños e veciñas, pódense levar a cabo cumprindo as medidas sanitarias vixentes nestes momentos, non obstante todas elas están suxeitas a cambios ou supresión se as normas sanitarias así o aconsellan.