A xornada está coordinada pola profesora e poeta, Olga Novo; a secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias e o secretario da Fundación Vicente Risco, Xosé Rodríguez.
A inauguración correrá a cargo de Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega, Celia Pereira Porto, presidenta da Fundación Vicente Risco, José Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo, Tareixa Antía Ferreiro Tallón, vicepresidenta da Deputación de Lugo e responsábel da área de cultura, patrimonio histórico artístico e normalización lingüística e Marina Mª Doutón Rajo, concelleira de Cultura do Concello de Monforte de Lemos.
“Seguimos soñando o futuro continuando o camiño que abriron estes xigantes da cultura hai cen anos, entre os que tivo un papel destacado Vicente Risco”, resaltou a presidenta da FVR, Celia Pereira Porto.
“Vai ser unha xornada fermosa á que está convidada toda a cidadanía, mesmo as crianzas, que son a realidade dese futuro anhelado”, engadiu Celia Pereira Porto.
O acto constará dunha parte científico-divulgativa, a cargo dos reputados expertos Raúl Soutelo Vázquez, Xurxo Ayán Vila, Emilio Xosé Insua e Aurora Marco López, dirixida a toda a sociedade monfortina e galega, e dunha parte lúdico-festiva, que inclúe obradoiros e xogos para crianzas e unha lectura pública de textos dos autores presentes no acto que se conmemora. A xornada remata cun concerto a cargo de Uxía e Sergio Tannus.
“Para nós é unha honra colaborar co Consello da Cultura Galega e a Fundación irmá Otero Pedrayo na organización desta significada conmemoración e debemos agradecer a colaboración prestada, tanto pola Área de Cultura da Deputación de Lugo como do propio Concello de Monforte, que 100 anos despois volve ser o anfitrión do acto. Tamén queremos agradecer á Bela Auria a súa axuda”, manifestou Celia Pereira Porto, engadindo que “debemos dar os parabéns ás tres persoas que coordinaron esta xornada, Olga Novo Presa, Patricia Arias Chachero e Xosé Rodríguez Díaz, e agradecerlle o seu intenso e desinteresado traballo”.
Deixou dito Vicente Risco que «ningún pobo pode nin debe vivir para el só, senón que ten que vivir para os demais pobos da terra, ten que vivir na comunidade da cultura universal». Sigamos, ben afirmadas na nosa condición de pobo galego, soñando un futuro de pobos libres que convivan na comunidade da cultura universal.
Actividades de conmemoración do BNG
O BNG comarcal apoia estes actos e o domingo 20 programa tamén actividades, “No deseño dos actos tratamos de poñer en valor tanto a importancia histórica desta Asemblea organizada polo nacionalismo galego de 1922, como o feito de que este movemento político tivo continuidade ata os nosos días, e da que nós, a actual militancia nacionalista, somos herdeiras” manifestan dende o BNG Lugo Sul.
A xornada comezará na Casa da Cultura Lois Pereiro ás 10:30 h. Terá unha parte máis académica na que Uxío Breogán Diéguez, Director Cátedra Memoria Histórica UDC) disertará sobre a IV Asemblea e as Irmandades da Fala, despois haberá un coloquio no que as voces que mantiveron o movemento na “clandestinidade” falarán das súas experiencias vitais, contextualizada na resistencia antifranquista neste territorio. Na mesa estarán: Xosé Manuel Rodríguez Martínez, Lois Diéguez Vázquez, Marisa Vázquez Barquero e Ana Pontón Mondelo. Moderará Rosa Ana Prieto Florines.
Pechará o acto Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, en San Vicente do Pino e, despois de repetir a foto nas escaleiras do mosteiro, darase lectura aos nomes das persoas vivas que participaron no movemento nacionalista galego e na liberdade antifranquista nestas terras. É o “recoñecemento da actual militancia á súa aposta vital pola liberdade desde a militancia nacionalista. Entregarémoslle un recordo e o noso cariño e recoñecemento a cada unha das persoas homenaxeadas porque “nós somos porque elas e eles foron, as que veñan detrás serán porque nós fomos. O movemento continúa, na sociedade e nas institucións” lembra Prieto Florines.
Ás 13:30 h., e como final da xornada, haberá un ‘xantar de irmandade’ nun restaurante de Monforte.