HomeCulturaTes unha asociación cultural e necesitas axuda económica para as túas actividades...

Tes unha asociación cultural e necesitas axuda económica para as túas actividades neste 2022?

Este xoves, 10 de marzo, abriuse o prazo de solicitude das axudas da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para entidades asociativas culturais da provincia. As actividades de interese cultural que se realicen este ano poden acollerse a estas achegas económicas. Comentamos os detalles e facilitamos acceso ás bases publicadas no BOP.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncia un ano máis, neste caso con máis marxe de tempo que noutras ocasións o que facilita que haxa máis meses por diante para poder encaixar programacións culturais, as achegas para entidades asociativas culturais da provincia. As subvencións que se soliciten teñen que ter como finalidade principal a realización de actividades de interese cultural e o orzamento total que vai destinar o organismo provincial alcanzará os 200.000 euros.

Tendo en conta o anterior, a dinamización cultural, a potenciación da historia, música, tradicións e lingua propias, así como as actividades de potenciación do patrimonio material e inmaterial configuran os fins principais para o apoio económico desta convocatoria.

GASTOS CUBERTOS POLAS AXUDAS

Os gastos que cubrirán estas axudas corresponderanse a aqueles derivados da contratación de persoal, seguros para o desenvolvemento das actividades, gastos de transporte, de promoción, cartelería e redes sociais, desenvolvemento de actuacións culturais, cursos e obradoiros ou gastos de organización.

Non quedarán cubertos, por exemplo, gastos de aloxamento, comidas e restauración; así como tampouco os gastos de material inventariable ou os que se empreguen para o desenvolvemento de festas patronais, romarías ou eventos de carácter relixioso.

PRAZO PARA SOLICITALAS

As asociacións culturais dispoñen de 10 días hábiles para tramitar, por vía electrónica e en documentos formato PDF, a solicitude a contar dende o día 10 de marzo tal e como se indica na convocatoria publicada este xoves no Boletín Oficial da Provincia. Os formularios e a información sobre a documentación que se require están dispoñibles na web deputacionlugo.gal, no apartado “Subvencións e programas de axudas”.

ASPECTOS IMPORTANTES DA SOLICITUDE

Para a concesión das axudas, con importes de entre 300 e 3.000 euros, establécense baremos obxectivos referidos a calidade do proxecto desde un punto de vista cultural, patrimonial e etnográfico, a natureza da acción, a valoración social, o grao de dispersión territorial e poboacional onde se realice a actividade, o grao de consolidación ou a viabilidade de actividade, entre outros.

Neste senso cómpre facer unha memoria expositiva do proxecto suliñando os aspectos devanditos que lle darán valor á actividade a subvencionar. Pódense presentar proxectos que manteñen unha continuidade como tamén proxectos novos que se van realizar por primeira vez.

As BASES completas figuran no BOP correspondente ao 10 de marzo e hai acceso dende a web da Deputación de Lugo.

VALORACIÓNS DE VICEPRESIDENCIA

A vicepresidenta, Maite Ferreiro, reiterou o apoio da institución “ás entidades culturais, que son as que dinamizan a vida das vilas e cidades, as que recuperan e conservan as nosas tradicións, as que investigan sobre o patrimonio, innovan sobre as nosas orixes e manteñen viva a nosa identidade nas múltiples formas nas que presentan o seu traballo”.

Tamén quixo agradecer o traballo de todas as asociacións da provincia e poñer en valor a importancia que teñen para crear comunidade en tempos difíciles como son os actuais entendendo que “a cultura é unha das nosas principais ferramentas de resistencia e progreso”.

ÚLTIMAS

A técnica do Esgrafiado no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia

Nesta semana publicábase no Diario Oficial de Galicia, esta técnica tradicional de albanelaría que...

“A cantiga máis longa” este 24 de novembro na igrexa de San Pedro de Bembibre en Taboada

A interpretación vocal de Paloma Gutiérrez del Arroyo e a instrumental de Manuel Vilas,...

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...