HomeCultura“Lingua, poder e adolescencia", o libro que desacredita o ‘bilingüísmo harmónico’

“Lingua, poder e adolescencia”, o libro que desacredita o ‘bilingüísmo harmónico’

Esta obra divulgativa parte dunha tese doutoral do seu autor, Miguel Rodríguez Carnota, e preséntase na Fundación Uxío Novoneyra, en Parada do Courel, o sábado 11 de xuño ás 12:30 h.

Publicado o

- Advertisement -

A perda de galegofalantes é unha realidade que no canto de frearse acelérase, constatando que a fórmula do ‘bilingüísmo harmónico’ non funciona na emancipación e posta en valor da nosa lingua. Segundo refire Miguel Rodríguez na tese que dá lugar ao libro, “datos estatísticos persistentes veñen confirmando que o acelerado proceso de substitución da minorizada lingua galega pola hexemónica española avanza nas últimas décadas de xeito especialmente veloz nos segmentos de idade correspondentes á infancia e á adolescencia”.

Noutra reflexión que se expresa no inicio de “Lingua, poder e adolescencia” (Editorial Xerais), referíndose aos motivos que o levaron a realizar este estudo sociolingüístico, di que “non é segredo que nos atopamos coa xeración menos galegofalante da historia de Galiza e que unha evolución continuada no tempo da actual tendencia pode levar nun futuro non moi distante á práctica desaparición da lingua galega ou, no menos grave dos casos á súa marxinalización como instrumento de uso común para a comunicación entre persoas”.

Movido por esta alarmista realidade, Miguel Rodríguez Carnota decide investigar a partir da observación diaria de múltiples e controvertidas situacións que reflicten este conflito lingüístico que sucede dentro dun centro escolar –concretamente no que el impartía clase– co alumnado que nun ambiente castelanizado fala normalmente en galego ou quere falalo. Dita investigación foi feita a partir das vivencias do alumnado e do seu propio testemuño e observación como docente durante 21 cursos escolares no instituto que centra o espazo de estudo.

Neste traballo investigador que pon enriba da mesa unha realidade que todos coñecemos, pero sen evidencias empíricas e científicas, Miguel refire dous obxectivos principais. Un deles foi explorar e interpretar os sucesos vitais de certos adolescentes que aspiran a facer un uso normal de lingua galega nun contexto escolar vilego e maioritariamente castelanfalante; e outro foi, tendo de fondo o conflito lingüístico galego, explicar e interpretar o papel real que os centros educativos xogan na preservación, na continuidade histórica e na promoción do uso da lingua propia do país como vehículo normal de comunicación.

BIOGRAFÍA LINGÜÍSTICA DE DEZ RAPAZAS E RAPACES GALEGOFALANTES

Xunto coa observación participante e espontánea exercida polo investigador durante os 21 cursos, este estudo recolle o testemuño de dez persoas informantes de ambos os sexos, galegofalantes efectivas ou con vontade de selo, ex-alumnas e ex-alumnos dun centro público de educación secundaria dunha vila galega durante a pasada década.

Estes testemuños servirán de base para unha análise en profundidade que nos achegue unha luz sobre as cuestións que se formulan no estudo.

ÚLTIMAS

Campus de Voleibol e de Fútbol en Quiroga

O Concello de Quiroga poñerá en marcha un ano máis, e xa van 5,...

O Concello de Chantada aumenta a capacidade e mellora os servizos do punto limpo

O Concello de Chantada vén ampliando e mellorando o punto limpo do municipio desde...

305.000€ para un novo aparcadoiro no Polígono do Reboredo en Monforte

O aparcamento actual, que se ubica na marxe esquerda da vía principal do Polígono,...

Aberto o prazo para a ludoteca de verán de Triacastela

As actividades da ludoteca terán horario de 09:30 a 14:00 horas. Ofértanse 20 prazas...