InicioCultura16 eventos no Verán na Guimaralia

16 eventos no Verán na Guimaralia

O Concello da Pobra do Brollón presenta unha completa programación de 16 eventos culturais repartidos entre xullo, agosto e setembro. A oferta cultural comeza o 8 de xullo cunha xornada en colaboración co FanCine de Lemos, que este ano aumenta os seus espazos programando tamén nas adegas medievais de Vilachá.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Durante o FanCine de Lemos, as actividades inclúen a proxección do filme Malencolía, coa presenza de actores o do director, Alfonso Zarauza. Tamén se proxectará unha sesión de curtas e gravarase en directo un podcast de Recuncho Gamer. Algunhas adegas estarán abertas para que os asistentes poidan ver o seu interior e tomar un viño.

Esta actividade, realizada en colaboración co FanCine, cumpre cun dos obxectivos da programación municipal: tecer redes con asociacións veciñais e entidades culturais da contorna e apoiar dende o público aquelas iniciativas culturais asociativas.

‘Esta colaboración co FanCine e con outras iniciativas da comarca resúltanos moi interesante. Os Concellos debemos apoiar o tecido asociativo do noso territorio,’ comenta Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.

Tecendo redes no territorio

Nesta liña, outra actividade que terá lugar no mesmo espazo será o día 30 de xullo en colaboración co 17º Ribeira Sacra Festival. Haberá dous concertos en horario vermú así como algunha outra sorpresa. Nesta actividade colaboran tanto o Concello da Pobra do Brollón como a Asociación Veciñal de Vilachá facendo idéntica achega económica.

O Castro de San Lourenzo é outro dos escenarios culturais do verán con dúas actividades. A primeira, unha actividade aberta ao público organizada polo ‘El Camino Creativo’ o día 13 de xullo.

A segunda actividade no Castro será a Romaría de San Lourenzo o 10 de agosto, evento recuperado a partir dos traballos arqueolóxicos realizados no lugar. A actividade é organizada pola Asociación Veciñal María Castaña e o programa aínda non está desvelado.

Tamén se inclúe na programación a Romaría do San Vitoiro en Saa, a última fin de semana de agosto. Malia non ser unha actividade organizada dende o Concello, a entidade colabora e trátase dunha das datas que artella o verán guímaro pola gran tradición ao seu redor, sendo ademais festivo local.

Volvendo a xullo, o día 10, o Concello colabora cun ‘vermú poético’ organizado polo furancho O Currio en Trasmonte, Vilachá. O vermú será a parte pública e visible dunha residencia poética no furancho, que xuntará esa fin de semana a seis poetas de toda Galicia.

A programación inclúe tamén a Feira Guímara que terá lugar o día 16 de xullo cunha nova formulación que se irá desvelando nos vindeiros días.

Cos pés na terraza

O resto de actividades céntrase no ciclo de concertos Cos pés na Terraza, cunha actuación en cada un dos sete bares guímaros, coa novidade este ano da inclusión do bar-restaurante ‘A Mesa dos Catro Cabaleiros’, situado na aldea rural do Busto.

‘Buscamos unha programación que dea oportunidades culturais aos nosos veciños e veciñas sen ter que desprazarse do seu Concello, ao tempo que descentralizamos a actividade cultural en cinco parroquias diferentes,’ comenta X.L. Maceda. “Apoiamos á vez a economía local a través dos bares e o tecido asociativo local e da comarca,” engade.

Os concertos pasan pola música tradicional coa agrupación Caldo, un dos conxuntos con máis progresión neste eido, e con Antía Muíño, outra música emerxente da provincia de Lugo que acaba de rematar xira con Xabier Díaz.

Máis aló do tradicional, amosarase o abanico de música que se fai en Galicia e que inclúen o swing cun obradoiro de baile con Constance Hurlé, os ritmos caribeños de Showbass, o soul e rock de Hainas, o blues rockeiro de Néstor Pardo, e a música con acento no humor de Carta de Ajuste.

Ademais hai aposta tamén polo talento local coa presenza de Alexandro González que fará un concerto acompañado de familiares e amigos. A programación pecha o 24 de setembro coa Festival das Cores de Outono cun potente programa aínda non anunciado

ÚLTIMAS

Unha apertura de portas nun encoro pon en perigo a dous pescadores en Carballedo

Os pescadores puideron saír polos seus propios medios despois de pedir axuda ao 112...

Primeira xuntanza sobre “Comunidades de Montes Veciñais e en Man Común, Montes de Saberes”, o 24 de abril ás 16:30 no auditorio de Escairón

A actividade enmárcase no proxecto Comunidades Rurais Sostibles desenvolvido por Acción contra a Fame...

Os libros protagonizan varias actividades en Bóveda

O programa Ler Conta Moito trouxo este martes ata o Centro Sociocultural de Bóveda...

Mes dos Libros e das Letras Galegas na Biblioteca Municipal de Chantada

A primeira proposta será o 26 de abril ás 18:00h con Conta e canta...