Oferta escénica en Monforte: espectáculo familiar e teatro para público adulto

O martes 22 a Casa da Cultura Lois Pereiro acolle o espectáculo familiar "Xogar e aprender en galego mola", e o xoves 24 o Edificio Multiusos será o escenario da obra para adultos "1888. A señorita Julia".

Escena de "1888. A señorita Xulia". Foto: Cia Estudo Momento.

O Concello de Monforte organiza para mañá martes 22 de novembro ás 18:00 h e na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, o espectáculo “Xogar e aprender en galego mola“, unha posta en escena da compañía Deza Music que inclúe música, xogos, concursos e moita diversión.

A actividade forma parte da programación da Rede Galega de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia de 2022, conta coa colaboración e coordinación do Concello de Monforte de Lemos e forma parte do proxecto cultural TeCe redes en galego do Fondo Xacobeo 21-22 da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

AXENDA TEATRAL

Dentro da programación cultural deseñada polo Concello de Monforte no segundo semestre do ano 2022, e nesta ocasión tamén dentro do programa de actividades do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o xoves 24 haberá unha peza teatral para público adulto no Multiusos monfortino ás 20:15 h.

A peza leva por título “1888. A señorita Xulia” e chega a Monforte da man da compañía Estudo Momento. Está dirixida e interpretada por Xoán Carlos Mejuto e Iria Ares.

Como no resto de obras que se enmarcan dentro do Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, o prezo da entrada será de 5 euros con carácter xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Sinopse

Adaptación do clásico de August Strindberg, “1888. A señorita Xulia“. Xulia decide aproveitar unha ausencia do seu pai, o Conde, para organizar unha festa secreta cos criados. Durante a velada, seduce a Xoán, criado predilecto do Conde. Os dous amantes caen nun perigoso xogo de paixón, violencia, inocencia e amor. Dúas criaturas brillantes, vítimas do condicionamento social e moral dos seus mundos, tan diferentes…

O texto de Strindberg sorprende -e atemoriza- por actual e contundente. É posíbel a igualdade entre home e muller? Entre ricos e pobres? Entre rei e escravo?

Tras o éxito de “1879. Casa de Bonecas“, Premio Luísa Villalta pola Igualdade en 2018, Estudo Momento volve demostrar o seu compromiso co feminismo, rescatando un clásico para seguir afondando na ardua tarefa de construír un futuro mellor, no que as mulleres sexan quen de pensar e vivir por elas mesmas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here