A área de cultura da Deputación financia estas sesións que se iniciaron no CEIP Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel, o pasado venres, e no CEIP da Pobra do Brollón, este luns. Terán continuidade nas vindeiras semanas no CEIP San Clodio de Ribas de Sil (25 de novembro), CEIP Ricardo Gasset do Incio (5 de decembro) e CEIP de Quiroga (9 de decembro)
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que “estas representacións didácticas reforzan o apoio que desde a área de Cultura se presta á música tradicional, fomentando a súa presenza nas programacións e colaborando con diferentes colectivos que apostan pola investigación, conservación e divulgación” e valorou “a iniciativa de achegar ás xeracións máis novas a nosa música de raíz, que é a base e a fonte de inspiración da música actual”.
Aprende Raíz
As sesións céntranse na demostración práctica da riqueza e variedade instrumental e cultural da música de raíz. Dun xeito activo e participativo, Xavier Blanco realiza un percorrido pola historia da música de raíz, desde os instrumentos primixenios, confeccionados con elementos da natureza (asubios, chamos, cordeiras,…) ata os instrumentos propios da música tradicional (gaita, pandeireta, zanfona, …). Acompaña ese percorrido dun repertorio que amosa a evolución dos xéneros musicais, desde a muiñeira antiga ata o paso redondo e o trastrás.
As sesións teñen unha duración de 90 minutos e están estructuradas en 3 partes:
- Instrumentos da memoria: Instrumentos primixenios confeccionados con elementos que se atopan virxes na natureza: asubíos, chamos, cantores, toques e pequenas percusións e cordeiras.
- Instrumentos pobres: Útiles relacionados cos traballos e labores cos cales xa os nosos antepasados, especialmente as clases máis humildes, facían música. Como a falla de recursos económicos imposibilitaba moitas veces facerse con instrumentos convencionais, había quen botaba man deles para satisfacer as súas necesidades musicais. Trátase así de instrumentos confreccionados con elementos domésticos (muíño de café, culleres, cuncas, tíxola, vasoiras, cántaro), con ferramentas do campo ( legóns, fouce, guadaña, angazos, forquillas) e cos oficios (serra, tesoira, caxato, martelo e cincel, incre, peneira, cestas,).
- Instrumentos comúns: Representan actualmente a nosa música tradicional: vento (gaita, requinta, flautín e pito), percusión (tambor, bombo, pandeiro, pandeireta) e corda (zanfona).
Xavier Blanco
Mestre gaiteiro, artesán e técnico en cultura tradicional, Xavier Blanco dedicou a súa traxectoria profesional e artística á recollida, catalogación e difusión de todo tipo de documentación relacionada coa nosa cultura tradicional, configurando un amplo arquivo sonoro, con pezas trasmitidas de xeneración en xeneración e unha colección de máis de 900 instrumentos tradicionais galegos, clasificados seguindo as súas características físicas, tímbricas e funcionais.
Ao abeiro da Fundación Legar, que promove xunto a Martina Ferradás, traballa nun proxecto para crear en Seara, no concello de Quiroga, un museo que acolla este patrimonio cultural.