InicioCulturaCharla divulgativa sobre o Entroido Galego en Quiroga

Charla divulgativa sobre o Entroido Galego en Quiroga

O recoñecido antropólogo Rafael Quintía fará un percorrido polos diferentes ritos que configuran a Festa do Entroido en Galicia. Será este sábado 11 de febreiro ás 20:00 h. na Casa da Cultura de Quiroga baixo a organización do BNG de Quiroga.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O BNG de Quiroga quere aproveitar estas datas tan importantes para os galegos e as galegas, como son as do Entroido, para organizar unha actividade que axude a coñecer esta tradición tan arraigada na nosa cultura popular.

Alén das actividades festivas, como son o desfile de carrozas e comparsas que organiza o Concello de Quiroga, os nacionalistas locais consideran que pode ser moi enriquecedor para todas e todos poder achegarnos a outros aspectos máis de raíz que nos levan a vivir os días de Entroido dun xeito tan especial e a preocuparnos pola preservación das nosas tradicións máis autóctonas.

Tendo en conta o anterior, organizan este sábado 11 de febreiro unha charla baixo o título “Funcións e significados do Entroido Galego” que terá lugar ás 20:00 h. no Salón de Actos da Casa da Cultura.

A conferencia, acompañada de recursos audiovisuais, correrá a cargo do antropólogo Rafael Quintía e nela farase un percorrido polos diferentes ritos que configuran a Festa do Entroido. Explicarase os seus significados, as funcións que cumpren estes ritos e tamén se falará das diferentes personaxes ou ‘oficiantes’ que executan os mesmos.

Respecto destes ‘oficiantes’ destacarase cal é o seu papel, cales son as diferenzas e similitudes duns entroidos ou mascaradas con outros do marco europeo…

Trátase, en palabras de Quintía, de “visibilizar, en definitiva, o valor do entroido non só como valor cultural e patrimonial se non tamén pola súa utilidade na sociedade a través deses ritos que o converten nun feito social total que implica mecanismos de control dos conflitos, válvulas de escape, tensións sociais, espazos para a socialización e creación de vínculos entre as sociedades (compartir, repartir…), momentos para a crítica, etc“.

Rafael Quintía. Foto cedida R. Q.

Rafael Quintía Pereira

Rafael Quintía é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural, Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, Doutorando en Historia Contemporánea, Máster en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional na especialidade de Xeografía e Historia.

Exerce como antropólogo profesional na empresa Ab Origine. Antropoloxía, Produción e Xestión Cultural S.L.L., da que é socio fundador e administrador, e como profesor-titor na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), onde imparte as materias de Antropoloxía Cultural, Antropoloxía das Relixións, Antropoloxía Económica I e Psicoloxía Social. Traballou, ademais, como Axente de Desenvolvemento local e no ámbito da empresa conta con doce anos de experiencia en xestión comercial, comercio exterior, compras e loxística.

Patrimonio, antropoloxía e historia

Quintía é especialista en patrimonio inmaterial e proxectos de posta en valor do patrimonio, así como tamén investigador, formador e divulgador nos campos da antropoloxía e da historia. As súa liñas de investigación céntranse, fundamentalmente, no patrimonio inmaterial. O seu traballo de investigación ten sido galardoado con cinco premios de investigación e ensaio: Premio de Investigación Xermade na Historia (2019), Premio Ferro Couselo de Investigación (2017), Premio Ramón Piñeiro de Ensaio (2016), Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais (2015) e Premio de investigación Luís Cuadrado (2010).

Como escritor é autor de máis de vinte libros, de varias obras colectivas e dun centenar de artigos. No campo da antropoloxía visual realizou once documentais etnográficos e históricos.

É membro do Observatorio Internacional de Cátedra UNESCO da Universitat de València (Comité de Europa), membro fundador e Presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Vicepresidente da Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural (AGANTRO) e membro e Responsable de Patrimonio da Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo (Pontevedra).

ÚLTIMAS

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...