IniciosociedadeAsoc. Amigos da Pandeireta, traballando pola música e o baile tradicional dende...

Asoc. Amigos da Pandeireta, traballando pola música e o baile tradicional dende Monforte

A entidade, que naceu no 2009, fai un labor moi importante pola cultura popular. Teñen aulas de pandeireta, canto, gaita, percusión e baile tradicional pero tamén fan saídas culturais e organizan obradoiros temáticos.

Publicado o

- Advertisement -

Alá polo ano 2009, alumnos e alumnas da Escola Municipal do Concello de Monforte decidiron crear unha asociación pensando en ampliar formación e coñecementos sobre a nosa Cultura Tradicional, pero tamén co obxectivo de preservala e transmitila. Bautizárona como A.C. Amigos da Pandeireta.

Pouco a pouco, e superando as dificultades que supuxo a pandemia, están a recuperar o ritmo de ensaios e de actividades ofrecéndose tamén, como non, para actuar en alboradas, pasarrúas, festas populares e eventos sociais. Este pasado Nadal fixeron unha panxoliña audiovisual ben xeitosa, e moi compartida por whatsapp e polas redes sociais nas Terras de Lemos, e coméntannos que un dos retos que teñen por diante é “intentar que a xente nova se achegue a nós”.

Falamos con María Eugenia Barbagelata Martínez, presidenta da entidade dende o ano da súa fundación.

Como e cando nace a Asociación Amigos da Pandeireta?

Os socios fundadores eramos todos alumnos da Escola Municipal do Concello. Alí nos coñecemos e participabamos como Grupo nos actos do Día das Letras Galegas e na Mostra de Música Tradicional do 15 de agosto.

A constitución da asociación foi en setembro do 2009 e xurdiu da necesidade dos membros da mesma de ampliar coñecementos sobre a Cultura Tradicional Galega en todos os seus aspectos e intentar transmitilos.

Cantos socios/as sodes na actualidade? Todas/os de Monforte?

Arredor de 50. A maioría de Monforte.

Que actividades desenvolvedes durante o ano de forma regular?

Temos aulas de pandeireta, canto, gaita, percusión (bombo e tamboril) e baile tradicional. Tamén facemos saídas culturais e algún obradoiro que teña que ver coa nosa cultura.

Excursión e andaina na Ruta da Cubela, en Ribas de Sil. Foto: A.C. Amigos da Pandeireta.

Recuperastes ben o ritmo de ensaios, actuacións e actividades que tiñades antes da pandemia?

Estamos nelo. Este ano contamos recuperar o 100%.

“Estamos preparados para amenizar alboradas, pasarrúas, festas populares e eventos sociais”

Como grupo de música tradicional que sodes tamén, chámanvos para moitas actuacións?

O de moitas é relativo. Participamos no Programa Musiqueando da Deputación e tamén o concello conta con nós para algunhas actuacións.

Hoxe estamos preparados para amenizar alboradas, pasarrúas, festas populares e eventos sociais.

Actuación nas Festas do barrio de San Antonio en Monforte. Foto: A.C. Amigos da Pandeireta.

No apartado de financiamento como saídes adiante? Contades con axuda do concello e/ou da Deputación?

Financiámonos  basicamente coas actuacións, as cotas dos socios e coas subvencións do Concello e a Deputación para axudar á realización dalgunhas actividades.

Contades con mocidade na asociación ou custa atraer ás xeracións máis novas?

Si, consideramos que custa atraer a xuventude, sobre todo en postos de responsabilidade. Participando nas aulas de música e baile temos arredor dun 15%.

“Consideramos que custa atraer a xuventude, sobre todo en postos de responsabilidade”

Facendo balance de 2022, con que vos quedades do feito na Asociación?

Fixemos un esforzo por manternos a partir do confinamento. Algunhas persoas xa non volveron e incorporáronse outras novas, pero creo estamos no camiño de seguir adiante, ilusión non nos falta para seguir avanzando e conseguir consolidar o Grupo de Baile Tradicional, que está funcionando moi ben e intentar que a xente nova se achegue a nós.

Un dos ensaios que adoitan facer / AC Amigos da Pandeireta.

“Fixemos un esforzo por manternos a partir do confinamento”

Algunha curiosidade? Xente doutras nacionalidades ou de fóra de Galicia que se interesara por Amigos da Pandeireta?

Non lembro ningunha persoa doutra nacionalidade, algunha de fóra de Galicia si. Como curiosidade, unha entrevista que nos fixeron dende Londres por videoconferencia polo Día das Letras Galegas do ano pasado.

ÚLTIMAS

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...