A Xunta de Galicia publicou días atrás a adxudicación das subvencións do seu circuíto Cultura no Camiño, ao abeiro do cal este ano distribúe 250.000 euros entre 92 concellos de diferentes rutas xacobeas. A Xunta asume ata o 50% do custo dos espectáculos en municipios de menos de 20.000 habitantes, cunha contía máxima de 2500 euros por adxudicación, e ata o 40% nas entidades que superen esta poboación, cun límite de 3500 euros por axuda. Esta subvención, sumada a fondos propios, danlles opción a programar espectáculos galegos de artes escénicas e musicais que se ofertan na plataforma galescena do AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais).
Ata o 11 de maio os concellos subvencionados teñen de prazo para realizar a súa programación na plataforma www.galescena.gal tendo que encaixar os espectáculos entre o 15 de xuño e o 31 de agosto. Por provincias, 31 destes municipios atópanse na da Coruña, 22 na de Lugo, 13 na de Ourense e 26 na de Pontevedra. No que respecta ao sur de Lugo, nove son os concellos beneficiados este ano: Ribas de Sil, Quiroga, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Pantón, Chantada, Paradela e Sarria.
Esta 11ª edición do programa insírese no Plan Xeración Cultura, a través do que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a desenvolver unha batería de 57 accións. En concreto, as redes de distribución de artes escénicas e musicais promovidas pola Xunta intégranse no primeiro dos cinco eixes do plan baixo o epígrafe “Acceso universal á cultura”.
DESEÑO DAS PROGRAMACIÓNS DE VERÁN
De acordo con estas premisas, os responsables da programación cultural dos 92 concellos subvencionados en 2023 ultiman nestes momentos a carteleira que desenvolverán este verán ao abeiro do circuíto. Contan para este xestión coa plataforma galescena.gal, desde a que teñen acceso ao catálogo dos espectáculos que se inscribiron nesta 11ª edición a partir dunha convocatoria pública para compañías escénicas e grupos de música profesionais con sede en Galicia.
Cultura no Camiño mantén como prioridade a dinamización cultural das localidades polas que discorren os camiños de Santiago ao seu paso por Galicia, focalizada nos meses de maior afluencia tanto de peregrinos como de visitantes. Ao tempo, contribúese á descentralización da oferta cultural galega e favorécese a contratación de espectáculos producidos en Galicia de xeito profesional.