O martes 9 de maio ábrese o prazo para solicitar as axudas para asociacións culturais convocadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e publicadas no BOP deste luns, convocatoria que se dá a coñecer cada ano nos primeiros meses do ano. A partida dedicada a esta iniciativa aumentou este ano ata os 380.000 euros, o que supón unha subida do 90 por cento do orzamento destinado a estas liñas de apoio ao tecido cultural de base.
Convócanse dúas liñas de axuda: unha para a realización de actividades culturais, e outra para investimentos en melloras nas instalacións e nos equipamentos dos locais sociais.
A vicepresidenta Maite Ferreiro sinalou que “este ano ampliamos nun 90 por cento o orzamento destinado a estas liñas de axudas, reforzando o apoio ás asociacións culturais de base, que son súa maioría colectivos pequenos que se sosteñen grazas á implicación desinteresada de persoas preocupadas pola cultura, pola lingua e o patrimonio e que cumpren un papel fundamental para garantír o acceso á actividade cultural en todo o territorio”.
A responsable provincial quixo salientar tamén que “estes colectivos son en moitas aldeas e parroquias rurais auténticos referentes da actividade cultural, programando actividades pero tamén impulsando estudos, investigacións e iniciativas de posta en valor do patrimonio local”.
AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS
A través desta liña, a área de Cultura promove a organización de actividades e eventos culturais por parte das asociacións e colectivos culturais, especialmente aquelas orientadas á difusión do patrimonio material e inmaterial de Galiza, a historia, música e tradicións, contribuíndo a ampliar a axenda cultural de parroquias e concellos. As axudas oscilan entre os 500 e os 3.000 euros.
A convocatoria destas axudas faise en réxime de concorrencia competitiva e cubrindo aquelas actividades que se realicen dentro da provincia de Lugo e cun marcado carácter cultural. Quedan excluídos, entre outros, aqueles gastos afectos a celebracións de festas ou actos relixiosos, festas de fin de curso, compra de material inventariable, e todos aqueles que teñan que ver co aloxamento e a restauración.
O prazo para solicitalas é de dez días hábiles, co cal o derradeiro día será o 23 de maio. Na web da Deputación de Lugo, ademais das bases, está o impreso de solicitude e indícase a documentación complementaria que hai que achegar.
AXUDAS PARA MELLORAS E EQUIPAMENTO DE LOCAIS SOCIAIS
A través desta liña, Cultura da Deputación de Lugo subvenciona actuacións de mellora, acondicionamente e reforma de locais e instalacións culturais que os colectivos beneficiarios teñan en propiedade, cedidas ou alugadas. Tamén se subvenciona a compra de equipamento, a fin de que as asociacións conten cos medios axeitados para as súas actividades culturais. As axudas oscilan neste caso entre os 500 e os 2.000 euros.
Tamén son subvencións en réxime de concorrencia e o prazo para solicitalas remata o martes 23 de maio. Na web da Deputación de Lugo tamén se pode acceder ao formulario de solicitude e coñecer a documentación adicional que cómpre achegar.
Para calquera dúbida, o organismo provincial facilita os seguintes teléfonos 982 260260 / 982 260 058