HomeCulturaA Pobra do Brollón celebra esta fin de semana o primeiro festival...

A Pobra do Brollón celebra esta fin de semana o primeiro festival de improvisación oral

Este sábado 22 e domingo 23 celébrase a primeira edición de Brindadeira, festival de improvisación oral na parroquia de Ferreiros, A Pobra do Brollón. O festival é impulsado polo goberno municipal para recuperar a tradición do 'brindo', un xénero de improvisación oral cantada, propio de terras da Pobra do Brollón.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O concello da Pobra do Brollón realiza desde xaneiro unha serie de obradoiros de brindo a cargo de Sara Marchena, Alba María, Lorena Medela e Nuria Penas, todas integrantes do colectivo Erre que Erre. En Brindadeira elas farán unha demostración de brindo xunto co alumnado dos obradoiros, no que será o momento central do festival o sábado a partir das 20:00 h.

Ademais de brindo, o público poderá escoitar a Uxue Alberdi e Miren Amuriza, máximas representantes da xeración actual de improvisadoras de bertso, con tradución en directo de Danele Sarriugarte. Tamén haberá unha demostración de regueifa a cargo dos míticos O Caruncho e Os d’Herbón.

Tras os espectáculos de improvisación, comezarán os concertos a cargo de artistas que beben da improvisación e da palabra cantada. Primeiro, Aldaolado e despois High Paw xunto con O Rabelo. A actividade do sábado rematará con pinchada de Um sincero pinchacumbias.

Programación do festival arredor da tradición oral

Brindadeira comeza o sábado 22 ás 13:00 h co ‘vermú consonni’ na Casa da Cultura Olga Novo. Presentarase a editorial independente consonni de Bilbao, pero con raíces na parroquia guímara de Saa. O acto contará cunha parte performativa a cargo do músico Lois Prado, acompañando varios textos da editorial e mollado cun vermú.

A programación continuará xa en Ferreiros ás 17:00 h cun obradoiro infantil e para adultos de brindos. Para participar é preciso anotarse no teléfono 650624828 (preferentemente por WhatsApp). Ás 18:00 h haberá unha mesa redonda sobre oralidade, tradición e feminismo a cargo das bertsolaris e escritoras Uxue Alberdi e Miren Amuriza. Seguirán despois os espectáculos de improvisación e concertos.

O domingo comezarase ás 11:00 cun paseo pola aldea de Ferreiros da man das veciñas, seguido dunha sesión de vermú musical. No vermú participarán unha ducia de artistas locais e achegadas para interpretar músicas tradicionais recollidas en Ferreiros, así como unha sesión de romances guímaros arredor de historias da tradición oral de todo o territorio da Pobra do Brollón.

O festival Brindadeira está financiado a través da subvención Territorio Cultura, xestionada pola Xunta de Galicia a través da Agadic, ao amparo do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation.

ÚLTIMAS

Roberto Castro: “A xente vén pola cereixa e quédase e repite porque lles gusta tamén a zona da praia fluvial”

A festa terá lugar na praia fluvial de San Clodio e contará coa participación...

Os premios literarios Xosé de Arxeriz entregaranse o 12 de xuño

O I Certame Literario Xosé de Arxeriz, dirixido ao alumnado do último ciclo de...

Chantada divulga os seus recursos turísticos en Festur ata o 7 de xuño

Ata o 7 de xuño, Silleda é unha vez máis o punto de encontro...

20 alumnos fórmanse no obradoiro de emprego Os Soutos II que comparten Láncara, Paradela e Samos

A Xunta destina 454.500 euros a financiar o obradoiro dual de emprego Os Soutos...