Este ano o ciclo comeza o domingo, día 1 de outubro e remata o sábado 21, cun total de catro concertos de diferentes formacións, pechando co habitual concerto da Banda de Música. Tódolos concertos serán ás 19:00h no Auditorio Municipal, con entrada libre ata completar aforamento
O domingo día 1 abre a programación o Cuarteto Divertimento, un cuarteto de clarinetes formado por profesores das bandas de música municipais de Santiago e da Coruña. Chegan a Chantada logo de máis de 30 anos de andanzas musicais, ofrecendo un programa que vai desde a música orixinal para esta formación ata adaptacións de música latinoamericana, música de ópera, etc.
O sábado día 7 é a quenda do Dúo Senso, formado por Alejandro Ares ao acordeón e Virginia del Cura ao cello, dous galegos de ampla traxectoria que se xuntan para ofrecer música de cámara con novas sonoridades e así ampliar o noso patrimonio inmaterial a través da música. O programa que interpretarán leva por nome “Novos aires”, e nel mesturan moita música española de Falla, Guridi ou Cassadó, coa de grandes mestres internacionais como Sain-Säens, Piazzolla ou Bloch.
Xa o domingo día 15 acompañaranos Dextrum Ensemble, cuarteto de saxofóns que se deu a coñecer en abril de 2017. Dende entón leva participado en diferentes ciclos de concertos de música de cámara e realizado numerosos proxectos no eido de novas composicións musicais galegas, proxección da música de saxofón a través do canto vocal, intervencións musicais con literatura infantil da man de escritoras galegas ou concertos sinfónicos. A Chantada chegan co proxecto “Souvenirs hispano galos”, con música de dous países próximos como son España e Francia.
Finaliza o ciclo o domingo 21 da man da Banda de Música de Chantada, que desta volta ofrece un programa titulado “Unha Noite na Zarzuela”, no que farán soar música dalgúns dos máis importantes compositores do xénero patrio como R. Soutullo, J. Vert, F. Alonso, R. Chapí, J. Serrano… artífices de títulos imprescindibles coma La leyenda del beso, La del Soto del Parral, Alma de Dios, Las hijas del Zebedeo… Sen dúbida, unha tarde para meterse de cheo nos ambientes musicais dos teatros madrileños de finais do s. XIX e inicios do XX.