O teatro volve esta semana a Monforte, dentro do ciclo de teatro deseñado polo Equipo de Goberno para o segundo semestre do ano 2023. “Contos Arrianos” é unha obra coa autoría de Xosé L. Méndez Ferrín, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda e como elenco artístico, Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fran Lareu, Sabela Gago, Fernando González, Vadzim Yulnevich e Fina Calleja. A representación dirixida a público adulto terá un prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.
Sinopse
Na fronteira, liña invisible entre a Galiza interior e o norte de Portugal; de brétema, choiva, neve onde se funden a realidade e a ficción; a vida e a morte. Entre o misterio e os impulsos da terra. Entre o ser humano e as forzas da natureza. Entre o poético e o mítico, alén da xeografía. No límite da fantasía.
A idea de fronteira, da liña divisoria, punto de escisión e de unión, lugar de encontro e separación. Espazos vitais nos que os límites non só físicos, están na condición humana, no que de verdade nos converte en arraianos.
En Arraianos, Ferrín crea un novo mundo mítico, a Raia, con 10 relatos literarios. Sarabela Teatro elixe e transforma dous: “Medias azuis” e “Lobosandaus”.
Arraianos é unha suma de relatos excelentes que estremecen e fan deambular por mundos nos que transitan o erotismo, o misterio, a miseria, a conciencia, e a grandeza de alma e de vida. Historias de meigas, contrabando, caciquismo e agrarismo.
Temas inquietantes, extraordinarios e fermosos. Universos ateigados de cadencia, fondura e emoción. Dunha beleza inmensa e ao tempo terrible e evocadora, Ferrín consegue reconciliarnos coa maxia da súa delirante maneira de describir o mundo. Arraianos mereceu o Premio da Crítica galega, o Premio da Crítica española e o Premio Lousada Diéguez en 1992.
A seguinte obra programada polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, dirixida para público infantil e familiar, será The show moscón de Galitoon que terá lugar o domingo, 3 de decembro, no Edificio Multiusos ás 18:00 h, sendo a entrada de 5 euros a xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.