HomeCulturaA Banda de Música de Chantada comeza tempada actuando na Feira do...

A Banda de Música de Chantada comeza tempada actuando na Feira do Viño

A Banda de Música de Chantada presenta a súa programación para este ano 2024. Co título de Miscelánea nos concertos deste ano maridarán música e literatura, música e teatro, ou música e pintura. "Preténdese que estas mesturas artísticas enriquezan os sentidos dos ouvintes, ofrecendo experiencias que van máis aló dun concerto ao uso", asegura Luis Miguel Crespo, presidente da Banda de Música de Chantada.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Comeza a temporada en marzo, co xa tradicional concerto na Feira do Viño. É este un concerto popular enmarcado no ambiente festivo que cubre a vila na segunda fin de semana de marzo, e que polo tanto contará cun repertorio que vai desde o pasodobre á zarzuela, pasando pola música galega, por ritmos caribeños bailables, ou pola música pop-rock.

No mes de maio será o “Concerto do Socio”, unha cita xa ben consolidada na que queren render homenaxe a aqueles socios que ano tras ano apoian a formación. Nesta ocasión, e tratándose dun concerto a realizar o día 12, próximo ao día das Letras Galegas, a literatura terá un papel protagonista. O concerto leva por título “Os soños na gaiola”, collido da obra central do programa, composta polo rianxeiro Antón Alcalde sobre textos de Manuel María. Para a ocasión, contarán con invitados moi especiais que lle darán vida aos poemas do poeta lucense.

Xa en agosto aparecen dúas citas ineludibles. A primeira, o concerto “Noites á Luz da Lúa”, o día 12, no que a Banda terá a praza do Cantón coma escenario, ofrecendo ao público “Frida”, unha peza músico-teatral en colaboración coa compañía, A cova das letras, na que explorarán o universo da artista mexicana, Frida Kahlo. E a segunda cita, o día 27, será o XXXIII Festival de Bandas de Música de Chantada, que volverá encher o Cantón da mellor música de banda o domingo das festas patronais.

En outubro celebrarase a X edición do Outono Musical “Lourdes Vázquez Ledo”, un ciclo que cada fin de semana achega formacións de música de cámara do máis diverso ao Auditorio, permitindo coñecer moi diferentes repertorios, tímbricas e estilos. O ciclo pecharase co concerto da Banda o sábado día 26. E xa en novembro, celebrarase o concerto na honra de Santa Icía, patroa dos músicos. Farase o sábado día 30, cun concerto sorpresa que non deixará a ninguén indiferente.

E ademais destes concertos, a Banda de Música de Chantada estará presente ao longo do ano acompañando festividades na vila como a Semana Santa ou Corpus como xa é habitual.
“Moitas e variadas citas neste ano 159 de historia da formación, o que amosa que a música en Chantada está máis viva ca nunca”, conclúen desde a Banda de Música de Chantada.

ÚLTIMAS

O IV Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal do Concello de Monforte colle forma

O encontro para traballar no Plan de Igualdade contou coa participación da Tenente de...

Rematan as obras de mellora do Cemiterio Vello de Monforte

A actuación na que se investiron 212.400€, afecta as 80 vías interiores do recinto...

Remata o prazo para solicitar actuacións gratuítas relacionadas coa recepción da TDT

Desde o concello lémbrase que tralo inicio do servizo de telefonía móbil de nova...

“Deterioro cognitivo”, tema do Faladoiro deste 29 de outubro en Quiroga

A convidada deste Faladoiro será a psicóloga, María Lillo, acompañadas do concelleiro de Servizos...