InicioCulturaVisitas guiadas pola ribeira guímara esta Semana Santa

Visitas guiadas pola ribeira guímara esta Semana Santa

O Concello da Pobra do Brollón presenta a súa oferta turística e cultural para esta Semana Santa. No eido turístico, baixo o lema ‘Coñece a Ribeira guímara’ ofrécense visitas guiadas e experiencias vitivinícolas nas ribeiras de Vilachá de Salvadur. 

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Do sábado 23 ao domingo, 31 de marzo, os visitantes poden elixir entre dúas visitas guiadas, que se poden combinar con dúas ‘experiencias vitivinícolas’. Tanto para as visitas guiadas como para as experiencias de viño, é preciso un mínimo de 5 persoas. É necesario ter vehículo propio. Para máis información e reservas, hai que contactar no teléfono 650 624 828, preferentemente por WhatsApp.

Ofrécense por unha banda visitas ao xacemento arqueolóxico de Os Conventos, un lugar excepcional para entender a evolución histórica da paisaxe da Ribeira Sacra. E un ‘paseo entre pataos’, entre as viñas da ribeira do Eivedo, onde os visitantes poderán coñecer a viticultura tradicional, a historia da Ribeira Sacra e lendas da zona. 

As visitas guiadas son combinables con experiencias vitivinícolas. As experiencias de viño teñen un custo de tres euros por persoa, que inclúe unha cata de viño. A experiencia do Furancho O Currio, o primeiro local deste tipo da Ribeira Sacra. Os visitantes poderán tomar un viño de Pedro na súa adega-furancho situado na aldea de Trasmonte. A experiencia Val do Frade, unha adega que fai viños con Denominación de Orixe no propio conxunto de adegas tradicionais da Abelaira, en Vilachá. Xunto coa adegueira Puri, os visitantes poden dar un paseo polas adegas medievais e coñecer por dentro unha delas para probar o viño.

Programación cultural de ‘Semana SAnta’ en saa

Ademais da oferta turística, o Concello da Pobra do Brollón en colaboración coa Asociación veciñal de Saa organiza unha programación cultural para o sábado e domingo de Semana Santa. O día 30 presentarase o libro A música dos Valladares. Retratos de familia (Ed.Galaxia), do estradense Pablo Bernárdez e con ilustracións de Hortensia Fernández, oriúnda de Saa.

A música dos Valladares recompila textos musicais de distintos estilos e procedencias que pertenceron a varios membros da familia Valladares Núñez (Marcial, Avelina e Serxio) da Casa Grande de Vilancosta, en Berres (A Estrada). O libro recolle máis de cen anos de historia musical a través de textos alusivos á biografía da familia, asociados cada un a unha peza musical e a unha ilustración. Tras a presentación do libro haberá un concerto de Proxecto Valladares que dará paso á foliada. Ofrecerase aos asistentes un caldo, para o que dende a organización se anima a levar cunca e culler. O evento será a partir das 20:00h no local social de Saa.

O domingo 31, organízase un ‘safari de toponimia’, cun paseo pola parroquia para recoller nomes de lugares e rexistralos na plataforma Galicia Nomeada. O paseo iniciarase ás 11:30 no local social de Saa.

ÚLTIMAS

60 equipos inauguran a tempada de montaña en Taboada esta fin de semana

A nova directiva da Escudaría Taboada mantén o trazado orixinal da proba, na que...

Traballos preventivos en pistas e cortalumes do Distrito Forestal VIII Terra de Lemos

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte,...

29.469€ para a rehabilitación do lavadoiro de Hospital no Incio

Esta actuación busca a integración dos elementos que conforman o patrimonio etnográfico, neste caso...

Bolsas de tea con motivos feministas

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta...