HomeCulturaXornadas Pacegas sobre as Revoltas Irmandiñas, o 6 e 7 de maio...

Xornadas Pacegas sobre as Revoltas Irmandiñas, o 6 e 7 de maio no Museo Pazo de Tor

Baixo o título “Tor e Narla nas Revoltas Irmandiñas: Torres, Fortalezas, Sociedade”, as xornadas enfocan  este periodo histórico desde varias perspectivas. Ao longo das dúas xornadas, abordaranse as causas da destrución das fortalezas a mans da Irmandade, as torres e casas forte en tanto entidades de poder, a presenza feminina nos Irmandiños, o papel xogado pola Igrexa ou a posición da nobreza galega tralas revoltas.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Museo Pazo de Tor acollerá os vindeiros 6 e 7 de maio a cuarta edición das Xornadas Pacegas, un punto de encontro entre a investigación académica e a acción cultural comprometida co patrimonio, que este ano terá como eixo temático as Revoltas Irmandiñas, determinantes para o nacemento dos pazos como construcións que substituíron as torres e casas forte derrocadas, e polo tanto, do propio Pazo de Tor e da configuración actual da Fortaleza de San Paio de Narla.

O encontro, que pretende crear un espazo de divulgación da actividade investigadora, vinculándoa á conservación do patrimonio, reúne medievalistas e historiadoras da arte das universidades de Santiago e Vigo, e do CSIC.

As xornadas están abertas a todo tipo de público que queira asistir. A inscrición debe realizarse vía email a concertacionsrmp@gmail.com. O  prazo de inscrición está aberto ata o día 4 de maio ou completar o aforo (45 persoas).

Programa

Luns, 6 de maio. Fortalezas, Irmandade, irmandiñas, Igrexa e nobreza

  • 16:30 Xosé Manuel Sánchez Sánchez, Profesor axudante doutor, Área de Historia Medieval (Facultade de Xeografía e Historia) da USC. Coordinador do Máster Interuniversitario Patrimonio Cultural Dixital. Medievalista interesado na historia social do poder, da vida cotiá e mentalidade medievais. Ofrecerá un relatorio sobre os castelos galegos e a súa imaxe na revolta: “Irmandiños, revoltas, castelos e ideas: atacando os edificios que amosan o poder”.
  • 17:15. Francisco Javier Pérez Rodríguez, Doutor en Historia Medieval pola USC. Profesor titular na área de Historia Medieval do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo (Campus Ourense). Especializado na Historia da Igrexa no Reino de Galiza durante a Idade Media, o seu relatorio abordará o papel xogado pola Igrexa nas revoltas: “A participación da Igrexa galega nas revoltas irmandiñas”.
  • 18:00. Miguel García Fernández, Técnico superior de actividades técnicas e profesionais do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento (CSIC), especialista en Historia Medieval e Moderna e na historia social das mulleres na Idade Media. Intervirá cunha charla sobre as mulleres galegas ante a revolta irmandiña cunha figura directamente involucrada: dona Teresa de Zúñiga: “Para que “los pequeños e los medianos e los grandes vivamos bien”: dona Teresa de Zúñiga e as mulleres galegas ante a revolta irmandiña”.
  • 18:45. Pablo Otero Piñeyro Maseda, Director do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento (CSIC), Doutor en Historia pola USC, desenvolve a súas liñas de investigación arredor das coleccións documentais de mosteiros e casas nobres e da historia social da nobreza galega da Baixa Idade Media. Participa cun percorrido pola casa señorial galega despois das revoltas:das torres aos pazos: “A casa señorial en Galicia tralas revoltas”.
  • 19:30. Simón Vicente López, Doutor en Historia da Arte pola USC, traballa como auxiliar de sala na Rede Museística Provincial de Lugo. O seu relatorio abordará a doazón dunha escultura de cabaleiro medieval relacionada coa liñaxe do Pazo de Tor: “A morte do cabaleiro de Tor e o seu bestiario”.

Martes, 7 de maio. Donas e cabaleiros ante a morte:iconografía dos sepulcros galegos na Baixa Idade Media

III Xornadas Pacegas / Rede Museística Provincial
  • 16:30. María Dolores Barral Rivadulla, Profesora Titular do departamento de Historia da Arte da USC, universidade na que se doutorou. As súas investigacións abranguen aspectos iconográficos, arquitectónicos e artísticos da Idade Media con particular interese pola mentalidade e o comportamento social da nobreza baixomedieval. O seu relatorio asumirá o caso dos sepulcros das mulleres galegas nos anos finais da Idade Media: “Dime como vistes e adornas e direi quen es. A imaxe da muller na escultura funeraria medieval galega”.
  • 17:15. Marta Cendón Fernández, Profesora Titular de Historia da Arte na Facultade de Xeografía e Historia da USC, é doutora en Historia da Arte cunha tese sobre iconografía funeraria episcopal. Estuda o mundo das imaxes iconográficas arredor da morte e das mulleres galegas na Baixa Idade Media, con publicacións, así mesmo, sobre sepulcros baixomedievais de reis e cabaleiros. Falará sobre a búsqueda da eternidade dos cabaleiros galegos a través dos seus sepulcros: “Guerreiros para a eternidade. Sepulcros de cabaleiros na Galicia Baixomedieval”.

ÚLTIMAS

Xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes, este 22 de abril no Auditorio Municipal de Chantada

A actividade que se desenvolverá no Auditorio Municipal de Chantada está aberta ás persoas...

Este 20 de abril celébrase a imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na...

Vicepresidencia recupera os restos da antiga torre do Pazo de Tor en Monforte

O proxecto pretende poñer en valor este elemento construtivo, contiguo ao muro de peche...

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...