HomeCultura6 de xullo de Feira Guímara na Pobra do Brollón

6 de xullo de Feira Guímara na Pobra do Brollón

A Feira Guímara conmemora por noveno ano a revolta dos habitantes da Pobra do Brollón contra o Conde de Lemos, cunha completa programación dende o mediodía ata a noite do sábado 6 de xullo. O evento desenvólvese no campo onde antigamente tiñan lugar as feiras da Pobra, ao carón do río Rubín.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A xornada comeza ás 12:00 horas co pregón a cargo de Carlos Rodríguez Dacal, autor do libro Árbores simbólicas pobrenses. Seguidamente, terá lugar a tradicional representación da revolta guímara a cargo da veciñanza, para despois dar paso ao vermú animado pola agrupación Airiños da Mioteira.

Para a hora de xantar, como noutros anos, instalaranse mesas de uso libre baixo a sombra das árbores. Este ano non haberá opción de polbo, pero poderase comprar comida nos postos da feira ou encargar aos restaurantes ou fornos locais. Haberá música de novo a cargo de Airiños da Mioteira para animar a sobremesa.

A programación continúa despois do xantar cun concurso de xogos populares de ra, tira-soga e chave con categorías infantil e adultos. As persoas interesadas en participar nos distintos xogos poden anotarse previamente o propio día da feira.

Á noite, a partir das 21:00 h, empezarán os concertos cos grupos Fanfarria Taquikardia e Radio Océano. Tras máis dunha década de percorrido, a Fanfarria Taquikardia é unha verdadeira referencia da festa galega. Ofrece unha viaxe sonora polas músicas do centro e leste de Europa, máis sen perder a referencia galega, sempre nun ambiente extremo festeiro.

A banda de punk rock Radio Océano que encheu os escenarios de rabia e enerxía a finais dos 80, rexurdiu cando a pandemia coa mesma potencia musical e as mesmas letras acedas e cheas de ironía. Na Feira Guímara tocarán temas do seu último disco, Un furioso silencio, e revisitarán clásicos, acompañados dalgúns convidados sorpresa.

A artesanía tamén terá un espazo na Feira Guímara. Participarán doce postos de produtos artesáns de todo tipo, e a maiores, un posto de serigrafía de camisetas.

Ademais, na novena edición da Feira Guímara haberá premios para os mellores estandartes, con varias categorías, individuais e colectivos, infantís e adultos. A idea é que estean relacionados con lendas guímaras ou con calquera momento da historia da Pobra do Brollón. Para participar é preciso inscribirse o mesmo día da feira. Os estandartes gañadores anunciaranse sobre as 21:00 h, antes do comezo dos concertos.

ÚLTIMAS

David Perdomo estará no ‘Ultreia et Suseia’ de Sarria

Este venres 5 de xullo presentouse en Sarria a terceira edición de UltreiaEtSuseia, evento...

O PP insta á Deputación a aumentar o ancho da estrada LU-P-0901 que une Monforte e Bóveda

Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide e Luis Fernández, xunto aos concelleiros...

Comeza o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

O Festival do Viño da Ribeira Sacra medra con paso firme dende o seu nacemento hai...

A 7ª edición do Carude Rock celébrase o 9 de agosto

Na presentación do Festival, o Alcalde estivo acompañado polos organizadores do festival: José Luís...