O Concello de Monforte acollerá este xoves, 12 de setembro, ás 20:30h unha actividade de cine na rúa. As curtas de “Cine e Cooperación. Unha ventá ao mundo” abordarán diversas temáticas de gran relevancia, como a soberanía alimentaria, a seguridade e hixiene alimentarias, o dereito a unha vivenda digna, o dereito á auga e o dereito á educación. Todas estas cuestións estarán relacionadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Explica Gloria Prada que “o obxectivo principal desta actividade é poñer en valor a Cooperación Internacional que levan a cabo as entidades galegas, grazas ao apoio de concellos como o de Monforte de Lemos, a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade”.
“Neste senso”, salienta a Tenente de Alcalde, “buscamos concienciar á veciñanza en xeral, e á mocidade en particular, sobre as distintas problemáticas que se dan en países como Guatemala, así como as accións de axuda e cooperación desenvoltas por organismos como o Fondo Galego”.
A intención é amosar como esta cooperación se fundamenta no acompañamento ás organizacións e entidades contraparte dos países onde se traballa, fuxindo dos paternalismos e asistencialismos, traballando man a man para, entre todas, dar resposta ás problemáticas detectadas.
A ubicación desta actividade estaba prevista no espazo público do Cuadrado, pero trasládase á casa da cultura pola climatoloxía.
A actividade terá unha duración aproximada dunha hora e media. Despois da proxección das curtametraxes seleccionadas, as persoas asistentes terán a oportunidade de participar nun coloquio. Este espazo permitirá que compartan as súas impresións, que formulen preguntas e dialoguen coas técnicas do Fondo Galego, quen estarán presentes para facilitar a actividade e fomentar unha conversa enriquecedora arredor das temáticas tratadas.