O Concello de Monforte presentou días atrás a súa completa programación teatral que se desenvolverá entre outono e decembro deste 2024 no Auditorio do Edificio Multiusos e na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. Serán un total de 12 representacións de compañías, tanto profesionais como de teatro afeccionado, dirixidas a público adulto, infantil e familiar, e representaranse entre os meses de outubro e decembro. Das pezas que se escenificarán, 5 están dirixidas a público adulto, 4 a público infantil e familiar, e 3 van dirixidas a todos os públicos.
Trátase dunha programación deseñada dende a Concellería de Cultura, á que o Alcalde agradece o traballo realizado na escolla e planificación, destacando ademais que “animamos ós monfortinos e monfortinas a que acudan a disfrutar desta programación de teatro do Concello de Monforte para o último trimestre do ano, a partir do 3 de outubro, que dará continuidade ao noso calendario cultural de actividades e que se estende ao longo de todo o ano”.
As diferentes producións teatrais programadas chegan a Monforte grazas á participación do concello na Rede Galega de Teatros e Auditorios do Agadic, e no Ciclo de Teatro Afeccionado e de Teatro Profesional da Área de Cultura da Deputación de Lugo. Esta é a axenda.
CIRCUÍTO DA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS
A participación do Concello na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios do AGADIC, permitirá que cheguen a Monforte as seguintes compañías e producións teatrais:
Programación para Público Adulto:
Último verán en Santa Cristina, da compañía Teatro do Noroeste, o xoves 3 de outubro, ás 20:15 horas. Será no Auditorio do Edificio Multiusos, con entrada xeral de 5€, e de 3€ para estudantes, desempregados e xubilados.
O Dragón de ouro, da compañía Sarabela Teatro, o xoves 17 de outubro, ás 20:15 horas. Será no Auditorio do Edificio Multiusos, con entrada xeral de 5€, e de 3€ para estudantes, desempregados e xubilados.
Desexo, da compañía Talía Teatro, o xoves 7 de novembro, ás 20:15 horas. Será no Auditorio do Edificio Multiusos, con entrada xeral de 5€ e de 3€ para estudantes, desempregados e xubilados.
Soños, da compañía ArteFeito, o xoves 21 de novembro, ás 20:15 horas. Será no Auditorio do Edificio Multiusos, con entrada xeral de 5€ e de 3€ para estudantes, desempregados e xubilados.
Testosterona, da compañía Malasombra, o xoves 12 de decembro, ás 20:15 horas. Será no Auditorio do Edificio Multiusos, con entrada xeral de 5€ e de 3€ para estudantes, desempregados e xubilados.
Programación para Público Infantil e Familiar:
Kyoki, da compañía Elefante Elegante, terá lugar o domingo 13 de outubro, ás 18:00 horas no Auditorio do Edificio Multiusos, con entrada xeral de 5€ e de 3€ para estudantes, desempregados e xubilados.
La ratita presumida, a cargo de Tropos, Teatro de Títeres, terá lugar o domingo 10 de novembro, ás 18:00 horas no Auditorio do Edificio Multiusos, con entrada xeral de 5€ e de 3€ para estudantes, desempregados e xubilados.
Nanai da China, a cargo da compañía Pérez&Fernández, terá lugar o domingo 1 de decembro, ás 18:00 horas no Auditorio do Edificio Multiusos, con entrada xeral de 5€ e de 3€ para estudantes, desempregados e xubilados.
CICLO DE TEATRO AFECCIONADO E CIRCUÍTO DE TEATRO PROFESIONAL
O Concello de Monforte participa tamén en dous circuítos teatrais que ofrece a Área de Cultura da Deputación de Lugo: o Ciclo de Teatro Afeccionado e o Circuíto de Teatro Profesional.
Dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado esta é a axenda:
O sábado 30 de novembro ás 20:00 horas na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o grupo Teatreiras-Monforte representará Os Outros, con entrada gratuíta dirixida a todos os públicos.
O sábado 14 de decembro ás 20:00 horas na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o Grupo de teatro Viraventos-Monforte representará Copacabana, con entrada gratuíta dirixida a todos os públicos.
Dentro do Circuíto de Teatro Profesional esta é a programación:
O grupo Teatro do Miolo representará o mércores 18 de decembro ás 20:30 horas na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro a obra Saíndo do cerco. Esta representación dirixida todos os públicos tamén será de entrada gratuíta.
O xoves 26 de decembro ás 18:00 horas, no Auditorio do Edificio Multiusos, terá lugar a representación da obra Coa música a outra parte, da compañía Trécola Producións.