InicioCulturaConvenios municipais coa SGAE, cal foi o primeiro?

Convenios municipais coa SGAE, cal foi o primeiro?

O convenio de adhesión a un plan de ‘tarifa plana’ asinado o día 12 entre o concello de Sober e a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) está dando que falar.

Publicado o

- Advertisement -

Algún medio de comunicación do sur de Lugo informaba hoxe, 13 de decembro, que o concello de Sober era o primeiro municipio de Terra de Lemos en adherirse a esta tarifa simplificada da SGAE e Xornal de Lemos quixo contrastar a noticia tras certas comunicacións recibidas na redacción.

Consultado o tema coa SGAE Noroeste confirman que no sur de Lugo xa teñen asinado este convenio os concellos de Paradela, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón, O Incio, Láncara e agora Sober. Sendo xustos, o primeiro concello de Terra de Lemos en adherirse sería logo A Pobra do Brollón que xa comunicou este acordo en abril deste mesmo ano.

En calquera caso, tamén dende a SGAE nos trasladan que puido tratarse dun ‘lapsus’ ao pasar a información ao gabinete de comunicación de Sober e non contrastar ben ese detalle.

O acordo polo que os concellos poden adherirse a esta especie de ”tarifa plana” á hora de liquidar dereitos de autor ás entidades de xestión colectiva parte dunha estratexia de tarifas simplificadas que, neste caso, está aplicando a SGAE. Trátase dunhas tarifas reducidas para concellos de ata 3.000 habitantes que acordaron o pasado ano a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE).

Todos os concellos de ata 3.000 habitantes poden acollerse a esta tarifa simplificada para facilitar o abono dos dereitos de autor xerados por un amplo catálogo de actos de balde ou con prezos reducidos ou subvencionados, que forman parte da programación cultural e de festas destes municipios.

Estes acordos supoñen aos concellos un aforro administrativo e maior control orzamentario beneficiando tamén ás comisións de festas que non terán que preocuparse de liquidar en cada evento festivo que organicen a parte correspondente de dereitos de autor. A tarifa plana cobre verbenas, romarías, bailes e, en definitiva, a maioría de actividades enmarcadas nas festas populares.

Por un prezo fixo anual os concellos quedan liberados de trámites individualizados para cada evento e proporcionalmente aforran cartos. Algún medio informaba tamén que as festas parroquiais se libran así de pagar á SGAE e non é ben ben así. As comisións de festas non terán que preocuparse dos trámites nin de pagar directamente pero como contribuíntes si que están pagando pois os cartos que van para as entidades de xestión correspondentes saen dalgún xeito das arcas públicas.

Na base do acordo están os dereitos de autor, recollidos pola Lei de Propiedade Intelectual e que debe coñecer toda entidade que organice un evento onde se interprete repertorio protexido. No caso de festexos de acceso público gratuíto, tales como verbenas e festas populares, a tarifa aplicada pola SGAE e aprobada polo Ministerio de Cultura é de entre o 7 e o 8,5 % do orzamento do evento. Non obstante, con estes convenios, os concellos poderán celebrar, cunha tarifa anual fixa, unha chea de actividades sen ter que pasar por caixa con cada evento concreto que organicen.

O director da SGAE no Noroeste dende principios deste ano, Miguel Diéguez Díaz, avogado e natural de Lugo, asinou onte o convenio co alcalde de Luís Fernández Guitián.

 

ÚLTIMAS

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...