Comparsas, carrozas e disfraces percorrerán as rúas da Pobra do Brollón, animados pola Charanga Terras do Bibei o 1 de marzo. O desfile sairá ás 17:00 horas do cruce da estrada de Saa e finalizará na área recreativa Samugueiros. Como en anos anteriores, convócase un concurso para premiar aos mellores disfraces, carrozas e comparsas, en base aos criterios de montaxe, elaboración, orixinalidade, humor e materiais utilizados.
Os premios entregaranse o propio día ao remate do desfile na área recreativa. Para participar, é preciso inscribirse antes do 28 de febreiro na Biblioteca Municipal, en horario de 10:30 a 13:30 horas, de maneira presencial ou no teléfono 982 430 546. As bases do concurso están dispoñibles na páxina web do Concello (www.concellodapobradobrollon.gal).
Antes do desfile, o día 27, celébrase o xoves de comadres. Ao igual que no xoves de compadres, vólvese convocar un concurso para premiar ás mellores figuras nas categorías de individuais e colectivos. Tamén está programada a queima das figuras a partir das 18:30 na Praza da Peza, con chocolatada popular e actuación da Escola de Música ‘Samoeiro’.
Entroido de Salcedo
En Salcedo, o domingo 2, os actos comezan ás 16:30 coa actuación de Aikirindo, e ás 17:00, o pregón a cargo de Juan Fuentes, presentador do programa da TVG Quen anda aí?. Deseguido, terá lugar a saída das Madamas e Danzantes e os Disfraces de Campo.
Ás 22.00 horas, haberá nova función de teatro popular e a partir das 00:15 horas, verbena a cargo do Dúo Triada e a Orquestra Triunfo, con DJ ao remate.
O luns ás 17.00 horas sairá o Oso de Salcedo, con pasarrúas da charanga Terras do Bibei, Mekanica Rolling Band e Duendeneta. A partir das 21.00 horas, haberá cea popular con food truck e á medianoite, verbena coa orquestra La Ocaband.
O último día, martes 4, ás 17:30 horas haberá espectáculo de maxia a cargo de Trécola Producións e á noite, a partir das 21.00 horas, ofrecerase cea popular a base de paella, seguido de baile con orquestra Metrópoli.
