Dentro do programa “Nadal pola provincia” chega a Monforte de Lemos “O Baúl do Mago”, un espectáculo para todos os públicos que se desenvolve nunha caravana convertida nun auténtico teatro itinerante, un espazo onde se achega a maxia á sociedade dunha forma próxima e divertida.
O Baúl do Mago estará estacionado na Praza de España de 11:30 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 horas. Para o desenvolvemento da actividade realízanse pases para un reducido número de persoas que poderán sentarse e gozar dunha breve pero fascinante experiencia.
Pero non queda aquí a oferta de “Nadal pola Provincia” no sur de Lugo para este último domingo do ano. No Concello de Sarria a proposta máxica virá da man da maga Fani Triana e o seu espectáculo “Maxia pola igualdade”. Será ás 18:30 h. na Casa da Cultura. O Concello de Pantón recibe ao “Mago Carlos” no Edificio Sociocultural ás 18:00 h. e o Concello de Folgoso do Courel fará o propio co Mago Deimi.
O Mago Deimi actuará na Escola da aldea de Moreda ás 18:30 h., xusto despois da visita do Apalpador e para completar unha tarde máxica na que tamén haberá unha merenda para os asistentes.
E do Courel pasamos ao Incio onde ás 18:00 h. rematará o III Festival de Maxia nas Parroquias, un ciclo que leva espectáculos de maxia alén da capitalidade deste concello. O Mago Paco será o encargado de pechar o ciclo deste ano no Local Social de Vilademouros.