HomeCulturaHomenaxe ás cantareiras da provincia na figura da chantadina, Concha de Agrade

Homenaxe ás cantareiras da provincia na figura da chantadina, Concha de Agrade

San Vicente de Agrade, en Chantada, acolleu este domingo un acto de homenaxe a "Concha de Agrade" -Concepción Casal Eiriz -, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo como recoñecemento a ela e ás pandereteiras e cantareiras da provincia.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O acto celebrouse na que fora a casa de Concepción Casal, en San Vicente de Agrade, en Chantada. Participaron o seu fillo, Suso do Rei, e outros familiares e veciñas que lembraron a Concha como unha muller que destacaba pola “súa intelixencia natural e sensibilidade para expresar con palabras os sentimentos que saian do seu corazón” e que tivo un papel relevante na comunidade impulsando a creación da escola de San Vicente ou colaborando na reforma da igrexa.

Tamén achegaron a súa visión sobre a figura de Concha e das cantareiras, a investigadora e intérprete, Alba María e Isabel Vigo, técnico do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), que conserva audios de Concha, dixitalizados a partir de cintas casete que intercambiaba coas súas fillas e netos na emigración en América.

A deputada de Cultura, Iria Castro, agradeceu a familiares e veciñanza de San Vicente de Agrade que compartiran as suas lembranzas sobre Concha e valorou o marco “que ofrece a celebración das Letras Galegas para seguir investigando, documentando, divulgando e recoñecendo o legado das cantareiras, comezando polas que temos máis preto de nós”.

Nese obxectivo, encadrou o proxecto “Cantareiras e cantares” sobre as coplas e os ciclos do ano que a área de Cultura esta a difundir en Youtube e a serie de podcast Folcast, “que afondará na figura de cantareiras e colectivos da provincia e do seu papel como transmisoras e conservadoras do idioma e da cultura popular”

A xornada contou ademais coa participación das pandeireteiras de Dakidoasma, que interpretaron algunhas das coplas recollidas de Concha e outras pezas do repertorio.

Cantareiras homenaxe Chantada / Vicepresidencia Deputación Provincial

Folcast

Concha de Agrade, unha das informantes de Dorothé Schubarth para o “Cancioneiro Popular Galego”, é a protagonista do primeiro episodio da serie de podcast “Folcast” sobre a oralidade e a música tradicional impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo da man de Xosé Gago e Branca Villares. O capítulo, que se lanzará nesta semana, ofrece unha visión completa da súa figura alén de achegar novos datos froito do proceso de investigación e documentación realizado para a súa edicion.

O proxecto Folcast, que inclúe dez episodios, percorre as comarcas da provincia na procura das portadoras e transmisoras da poesía tradicional. Os episodios terán entre 45 e 60 minutos de duración e terán unha emisión mensual na páxina web da Deputación de Lugo e en distintas plataformas, aínda que tamén se emitirán episodios especiais. Conta cun perfil de Instagram (@folcast_radio), no que se poden seguir as emisións e acceder a contido extra

ÚLTIMAS

Presentado o cartel do ‘Xanela Fest’ que promove a operadora chantadina Xanela

Este venres 10 de outubro presentouse en Guntín o cartel do Xanela Fest, evento...

O PP anuncia no Parlamento que a Xunta investirá 30M€ no Hospital de Monforte, mentres o BNG reclama solucións ás listas de espera

A iniciativa nacionalista demandaba garantir a cobertura completa de prazas nos servizos con maiores...

“Habilidades e competencias para o emprego”, do 15 ao 17 de outubro no Centro Cívico de Monforte

Enmarcada no programa ALICIA-Activando la Igualdad, a actividade lévase a cabo en colaboración coa...

47 empresas lucenses benefícianse do programa Emega que impulsa o emprego feminino

Os deputados populares salientaron en Paradela que un total de 47 empresas da provincia...