Aproveitando que maio é o mes das Letras Galegas, e que este ano están dedicadas ás Cantareiras e á poesía popular oral, o Faladoiro do Centro Social de Quiroga centrarase na importancia de preservar o noso folclore (música, canto e baile tradicional), e poñelo en valor como sinal de identidade.
O convidado para esta ocasión será Manuel Durán. Natural dos Anguieiros, emigrou a Barcelona no ano 1970 e non retornou a Galicia ata o 1987. Xa aquí, foi o fundador da agrupación de música tradicional Abertal (1989 / A Rúa), colectivo no que segue como mestre e músico superando os 36 anos de traxectoria. Estudoso incansable da música tradicional, traballa tamén na recuperación da nosa tradición oral. Neste eido ten participado pola súa conta, pero tamén con xente como Montse de Leilía, en recollidas, algunha delas na parroquia de Montefurado.
No encontro, ademais de achegarnos á traxectoria no mundo da música tradicional do noso convidado, coñeceremos tamén como é o traballo do día a día para recuperar e manter o noso folclore e como está na actualidade a saúde de todo este patrimonio cultural que atesouramos e do que deberiamos estar moi orgullosos.
Neste senso, Durán considera que, “ademais do noso idioma, o noso folclore é a parte máis importante da nosa identidade”. O Concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández Montes, encargarase de moderar o encontro e convida a participar á veciñanza.