Quero comezar polo principio de todo, a infancia e a educación. A educación non acaba nunca, ou non debería acabar, pero a infancia é o momento no que somos máis permeables para recibir e experimentar. Por iso a educación en idades temperás é tan fundamental, creará as bases sobre as que asentar todo o posterior. A infancia leva consigo esa ilusión infinita por aprender, que se perde cos anos neste sistema de vida. Nalgún momento crese que está todo aprendido e nese punto, pérdese a ilusión. Coa perda de ilusión, pérdense as ganas de aprender,… por que para que?
Non deixei de visitar os museos da Rede Museística Provincial de Lugo, pero este ano 2025 retomei a participación nas distintas actividades e quédame claro que a educación experiméntase, non se trata de memorizar. Lembráronmo as voces e os ollos da infancia, as das nenas e nenos do Club Pequeamigxs, que durante dous días habitaron o Museo Pazo de Tor e, incluso pasaron a noite nel, como xa tiñan feito no “Asalto ao Castelo” en Narla, para rematar cunha escenificación das súas vivencias.

Escenificación infantil en Tor con Palimoco Teatro
Esa ilusión por coñecer, investigar, descubrir, vivir, e dar forma ao aprendido é o que se experimenta na actividade cotiá dos museos da Rede. Nas propostas presenciais co visitante, na forma de integrar diversidades e sentires, nas relacións coa infancia e a ancianidade, na responsabilidade na catalogación e restauración do patrimonio e da memoria, na apertura da rede a outras culturas e continentes, levando as experiencias dos museos ao mundo online… Todo iso afonda nunha constante: accesibilidade.
19 anos da RMPL
Os museos como entes vivos precisan do espectador, do público, do visitante. Neste mes de xullo, a Rede celebra 19 anos traballando por escoitar ás persoas que se achegan aos museos, por dar a voz ao espectador, por facelo partícipe. Insistinto na idea de que a educación experiméntase. Entón nun momento de tantas incertezas que mestura o real co artificial, os museos da rede son invitación a transformar e trascender, a lo menos tecen redes de unidade que xeran estabilidade no futuro.
Pero na vida, como nos museos, as cousas vense distintas desde a perspectiva da infancia, como as nenas e os nenos do club da RMPL que despois de vivir e experimentar o Museo Pazo de Tor, na súa representación final, dérolle a Angelita un papel fundamental.
Angelita foi aquela nena que chegou con 9 anos ao Pazo e alí pasaría a súa vida atendendo o servizo, a María Paz Taboada de Andrés e Zúñiga e seu esposo, Miguel Ángel Quesada, e cantos visitantes por alí pasaron. Aquela nena que descubrimos con Soterradas e que deixou a súa pegada en pinturas na casa. Aquela nena que xunto coas outras mulleres do servizo escoitaban desde abaixo a vida de abundancia na parte de arriba, e a música e as tertulias, como nos descubrirían as nenas na súa escenificación.

Escenificación infantil en Tor con Palimoco Teatro
Porque Angelita chegaba a un Pazo. Capela, pombar e ciprés, pazo é, recítábase na presentación dos nenos, e é que os edificios que albergan os museos da Rede son edificios que pertenceron ó poder, e agora ese poder que estaba en mans duns poucos devólvese á cidadanía. E a educación e a cultura que noutra época parecían exclusivas dunha clase social, agora exténdense a todas e todos, sen excepción.
E a Rede lévanos por esa relación entre os pazos e a cultura e nesta V edición das Xornadas Pacegas, “Xornadas de literatura e poesía no Pazo de Tor, mergullouse no papel dos pazos e casas grandes como centros culturais nos que a fidalguía se arrodeaba de persoas de prestixio no mundo das artes e das letras,… e de aí viaxouse pola vinculación do artista coa casa, co seu fogar como espazo creativo. Iso propón o Museo Pazo de Tor coas súas residencias literarias e artísticas, que este ano traerán a unha representación palestina para crear en Tor.

Xornadas Pacegas
Durante as Xornadas Pacegas camiñamos con Uxío Novoneyra a quen María Paz e Manuel abriron o Pazo de Tor e hoxe é historia nunha habitación. Deixando pegadas nos espazos e lugares, como Uxío titulaba as súas obras, reivindicando o lugar, a casa.
Cando o Pazo de Tor abriu como museo, hai 19 anos, a voz de Uxío Novoneya recitando un poema daba a benvida. Daba a benvida á casa na “lingua materna, na que residimos”. Recibíate o enraizamento, o abrigo, o retorno, a fuxida, o lume, o lar.
Manuel María e Saleta tamén foron amantes do pazo e do traballo de María Paz. Ese Manuel María, que foi unha das miñas primeiras entrevistas en Monforte, a finais dos 90 ao carón da mesa camilla de 50 cm na que escribía na libraría Xistral, mesa que se conserva na casa museo de Outeiro de Rey. Mesa que foi testemuña dun mundo interior rico e conflictivo post guerra civil e final da segunda guerra mundial.
Desasosego existencialista, sóabos?
Manuel María agárrase á tradición, bota man da historia para manter a esperanza. O permanente está na terra e nas súas obras presenta a casa como seguridade, o refuxio, o lar, o pazo. Alí souben que Flora Enríquez organizaba nas xornadas da Rota do Románico de Pantón a presentación da reedición de “Cantos e cantigas de Pantón” de Manuel María.

E seguimos no cronotipo, o marco espazo temporal no que se desensenvolve un argumento literario. Viaxamos con Rosalía de Castro e os seus versos que achegaban aos emigrados as paisaxes de Galicia, da casa, do fogar. Con Emilia Pardo Bazán polos Pazos de Ulloa e as Torres de Meirás para ver a importancia da densidade espacial e o territorio na obra da autora. O Pazo de Trasalba en Pedrayo. Hoxe esas casas de escritoras e escritores que crearon cultura e articularon o territorio, son casas museos para transmitir coñecemento para futuras xeracións.
O Parnaso de Tor, cultura accesible
As Xornadas Pacegas anunciaban que proximamente se celebraría en Tor un encontro do Consello da Cultura Galega. A cita foi no parnaso de Tor, ese conxunto de poetas dun pobo nun tempo determinado. Aquí as poetas eran persoas diversas do mundo da cultura que intercambiaron experiencias e pareceres con representantes do Taller Daulloa, COGAMI Lugo, FEAFES Galicia, a Axencia da ONCE en Lugo, SINTRAHOGU, o Secretariado Gitano, a Asociación Rioplatenses, o Voluntariado de ACCEM A Coruña ou a Plataforma Diversa Infantil.
No Parnaso de Tor case medio cento de persoas traballaron a cultura e a interseccionalidade, completando así encotros previos do Consello da Cultura Galega, sobre o acceso á cultura e comunicación, acceso á cultura e territorio ou acceso á cultura e participación.

Cultura e interseccionalidade encontro Consello Cultura Galega en Tor
Cando os nenos que pasaron a noite en Tor, escenificaron a vivencia, unha nena preguntábase a outra:
-Quen es ti?
E a outra nena respondíalle:
-Unha nena coma tí.
Unha delas era a representación de Angelita, cal delas?
O caso é que aí se deu unha conexión, unha implicación entre o “visitante” do Pazo e a vida do Pazo, primeiro a través de Angelita que é unha nena como as demais.
Iso fixo a cultura no Parnaso de Tor, escoitarse, identificarse, recoñecerse, revisarse, sentirse, fluir, expresarse, vivir.

Cultura e interseccionalidade encontro Consello Cultura Galega en Tor
Nas distintas mesas debatíanse cuestións que preocupan e ás que se buscan solucións desde abaixo e coa participación das sensibilidades e formacións máis variadas:
- cando a cultura se ve como un producto, caso dun concerto.
- identificar cunha perda de tempo o tempo destinado á cultura
- a cultura que establece e normaliza o correcto, que é o normal cando o novo medra exponencialmente e a diversidade se multiplica e visibiliza?
- atender á infancia diversa porque pode vulnerarse a quen non encaixa na norma
- a cultura como espazo de realización persoal
“Cultura é o que facemos en común”, dicía José Mújica e iso era o piar deste parnaso. Ocupando o espazo xunto ás persoas, palabras. E as palabreiras sobre o mapa de Domingo Fontán, as palabras sobre o territorio. Persoa, información, verticalidade, folclore, resistir, dereitos, galego, acceso, escoita, atención, experiencia, credibilidade,…

Cultura e interseccionalidade encontro Consello Cultura Galega en Tor
Gustoume esa proposta de quen defendía facilitar o acceso á cultura ás empregadas do fogar e rematou abrindo a posiblidade de explotar os bares como espazo de socialización e cultura. Ao escritor e cantautor monfortino, Antón Valcarce, que falecía este 9 de xullo, gustaríalle saber que o Movemento Tabernario que iniciou hai anos levando a cultura aos bares, ten sucesoras.
As voces do parnaso repetían que a cultura é interesante para alterar imaxinarios, todo un mundo nas nosas mans. “Un espazo de recuperación e apropiación democrática da sociedade e da cultura dende o inicio da vida”, así falaba Diversa Infantil nas súas redes sociais, despois da experiencia. “Un momento histórico”, así o calificaría Encarna Lago, xerente da RMPL.

Cultura e interseccionalidade encontro Consello Cultura Galega en Tor
– Quen es ti? -Unha nena coma ti
Por estas épocas hai 19 anos inaugurábase como Museo o Pazo de Tor, despois da cesión de María Paz Taboada á Deputación Provincial, coa condición de mantelo para abrilo á cidadanía e non cobrar entrada. María Paz quería que este museo fose un exemplo de democratización, un museo coidador. Todo o proceso fala da preocupación que tiña por Angelita. Hoxe Angelita está feliz do que ve no Pazo.
No 2006, Tor como museo uníase ao Museo Provincial de Lugo, á Fortaleza de San Paio de Narla e ao Museo Provincial do Mar que no 2004 se estraba como museo ao amparo da Deputación Provincial de Lugo. Con 4 museos e para ser sostibles, en xullo do 2006 nace a Rede Museística Provincial. Tor é a nena que chega nova a un traballo en rede e con ela nace a RMPL.

Club Ioga e Arte e Club Pequeamigxs
Estanse celebrando eses 19 anos e iso dálle unha actividade incrible a esta tempada. Mentres en Tor se celebraba o campamento infantil para reinterpretar novos relatos, o Club Ioga e Arte mantiña un encontro. Durante unhas horas conviviron no mesmo espazo exterior distintos grupos con propostas complementarias.
Aproveitando tamén este aniversario comézanse a visibilizar dous novos cuartos no Museo Pazo de Tor co legado de Javier Rey. Este home é neto da irmá do pai de María Paz Taboada e no 2023 legou numerosas pezas, que despois do correspondente traballo de restauración feito polo equipo da RMPL, hoxe nos permite gozar destes cuartos tal como estaban cando vivía María Paz. No patio interior do Pazo podemos atopar outras mostras do seu legado, entre as que destaca a estatua do cabaleiro en pedra, que podería ser Pedro Garza de Castillón, o primeiro da estirpe de Tor, e protagonista da novela Los hidalgos de Monforte, de Benito Vicetto.

Novo cuarto en Tor con legado de Javier Rey
Neste ano de máis que maioiría de idade nace o Museo da Migración da Rede e por primeira vez Galicia ten un museo desta temática, neste caso virtual, “vimos que necesitabamos un lugar para facer unha recollida de voces na escoita activa, de voces plurais… Un modo máis de ser responsables coa multiculturalidade que temos na provincia de Lugo, traballando a interculturalidade”, explica Encarna Lago, xerente da RMPL.
Innovando e facéndose cada vez máis accesibles a RMPL traballa agora con OMEKA, un software libre de código aberto para a publicación online de coleccións dixitais. De modo que xa se fixo un volcado dos traballos de investigación no museo do Mar e en Tor e estase incorporando agora documentación do Museo Provincial de Lugo. Este método permite a xestión integral das coleccións dos museos, ofrecendo ademais exposicións online.
Pois niso e moito máis, andivo a RMPL no que vai de ano, traballando arreo por ser espazos de transformación social, creando museos que investigan e coidan, coidan ás persoas e a maneira de relacionarse.
Que seriamos sen o noso pasado?
O Museo Provincial de Lugo, que naceu no ano 1932, no artigo, nº 1 do seu regulamento di que o museo nace con carácter eminentemente educativo. “Trátase de aprender a vivir xuntas/os. Estes edificios eran espazos de poder e os museos promoven agora o poder do benestar das persoas. Na RMPL temos claro que a educacion e o coñecemento son a clave para traballar pola liberdade da cidadanía”, repite Encarna Lago, por iso a constancia na pluralidade e na accesibilidade, “poñendo ás persoas no centro, creando unha gran familia para compoñer comunidade”.
O parnaso do Consello da Cultura Galega en Tor deixou contidos fundamentais como que a cultura é unha plataforma que eleva ás personas en igualdade ou que é un dereito que nos fortalece, tende pontes e evita soidades.

Cultura e interseccionalidade encontro Consello Cultura Galega en Tor
Esa xornada remaba coa actuación de expresión corporal e emocional da compañía Experimenta Danza, habituais na axenda dos museos da Rede, que puxeron o corpo no centro, como espazo de resistencia, memoria e revelación para comprobar a interseccionalidade das deseigualdades.
Que hai depois da pel?
Quen eres cando ninguén te ve?
Gústache que te toquen ou dóeche?
Que seriamos sen o noso pasado?
Non quero perder a memoria pq non quero perder os pasados
No te rindas, estás a tempo de abrazar as túas sombras…A vida é continuar a viaxe, descubrir.
Esa é a invitación que fan co espectáculo, Non me toques o segredo, unha nena con parálise cerebral, seu pai e dúas bailarinas. Sempre traspasando a pel, comunicándose co movemento, a respiración, o corazón, a alma.
Así camiñou a RMPL en 19 anos, xestionando un plan de traballo que quería poñer ás persoas no centro, “onde os demais ven cousas nós vemos testemuñas de persoas; os edificios dos museos pasaron de ser espazos de elite a lugares de democratización do coñecemento e aliámonos con quen ten esta maneira de xestionar”, explica a xerente da Rede, Encarna Lago.
E ese camiño está en constante expansión analizando e xestionando co microscopio e co telescopio, levantando a mirada ao mundo desde o detalle do próximo; e esta forma de traballar cos museos e coas persoas traspasa o espazo máis alá do online e neste mes a RMPL desenvolve unha ampla axenda de programación externa. Estivo representada na presentación do Plan de Dereitos Culturais que se vén de desevolver en Madrid, taballando pola educación no encontro de cidades educadoras que se celebra en Granollers e nesta semana particípase no Foro CaixaSon de Tui no que se trata a cultura como ferramenta de transformación social, afondando, neste caso, nas políticas de inclusión cultural en Europa, España e Portugal.

Escenificación infantil en Tor con Palimoco Teatro