O Concello de Folgoso do Courel e a Asociación Cultural A Coroa organizan un ano máis unha xornada ás tradicións coa organización dunha baixada de carrilanas e un Campionato de Xogos Tradicionais. Ademais, haberá artesanía, música e gastronomía para toda a familia no senlleiro Souto da Carroza.
A data que estaba anunciada era o 19 de xullo mais nas últimas horas veñen de anunciar dende a organización que o evento adíase e terá lugar o vindeiro 2 de agosto.
PROGRAMACIÓN
Así, pois, a Festa da Cultura e a Tradición, comenzará ás 12:30 h. do sábado 2 de agosto coa ‘Baixada de Carrilanas’ dende o antigo colexio sendo a meta a Praza do Fondo da Vila.

Ás 14:00 h. terá lugar a apertura da Feira de Artesanía e unha exposición de xogos tradicionais no Souto da Carroza. No recinto tamén se poderán atopar produtos gastronómicos e servizo de polbo e churrasco.
Para as 15:00 h. está programada a actuación do grupo tradicional ‘Merenzao’ formación tradicional que chega a Folgoso dentro do programa Tradigalu da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
E xa ás 16:00 comezará o Campionato de Xogos Tradicionais que contará coa colaboracion da entidade Xotramu e coas seguintes disciplinas: arrebolamento de sacho, lanzamento de boina, chave, billarda, corte con tronzón… Ás 19:30 farase a entrega de trofeos.
E para pechar a festa, ás 20:00 h. terá lugar un concerto a cargo de Emilio Rúa que chega polo ciclo ‘Concertos do Xacobeo.gal’ da Xunta de Galicia.
