HomeCulturaObradoiros de improvisación oral en verso para introducir ao alumnado nas regueifas

Obradoiros de improvisación oral en verso para introducir ao alumnado nas regueifas

Os Concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel organizan un “Obradoiro de Improvisación Oral en Verso” e un “Serán de Regueifas” . O primeiro destinado ao alumnado dos CEIPS destes municipios programada, e o segundo aberto ao público en xeral, o 3 de outubro no salón de actos do Concello de Ribas de Sil.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O obradoiro de Improvisación Oral en Verso, dirixido ao  alumnado de 5º e 6º de Primaria dos CEIP destes tres municipios, levarase a cabo o venres, 26 de setembro. Entre as 10:00 e as 11:30 h. no CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel para o alumnado deste centro educativo; e de 12:30 a 14:00 h. no salón de actos da Casa da Cultura de Quiroga, para o alumnado de Ribas de Sil e Quiroga.

A actividade comezará cunha pequena demostración por parte dos regueifeiros: Luís “O Caruncho” e Pinto d’Herbón. No transcurso da sesión, que ten unha duración de 90 minutos, falarase sobre a historia da regueifa e de como chegou aos nosos días, sobre a improvisación oral no mundo e sobre as concomitancias co rap e outros estilos musicais. Haberá tamén unha exposición da parte técnica na construción dunha regueifa, e unha explicación do leixaprén -recurso métrico característico da poesía galegoportuguesa que consiste en tomar como primeiros versos dun par de estrofas os segundos versos do par anterior-.

Despois da parte teórica construiranse unha serie de coplas que se cantarán coa intención de practicar o ritmo da regueifa. Na última media hora, cada alumno/a fai as súas coplas individualmente.

Os obxectivos desta actividade, segundo matizou o concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Manuel Fernández, son fomentar o uso do galego; o enxeño, a retranca, e o aumento do vocabulario; mellorar a autoestima; fomentar a musicalidade; e sementar o gusto pola poesía.

A segunda das actividades programada, o “Serán de Regueifas”  terá lugar o 3 de outubro no salón de actos do Concello de Ribas de Sil. A actuación de Nuria das Cruces e Luís “O Caruncho” dúas figuras destacadas da regueifa galega, comezará ás 19:00h

Estas dúas actividades están patrocinadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. Dende o departamento de Normalización Lingüística queren achegar un agradecemento especial á ‘Asociación Oral de Galicia’ pola axuda para facer posibles estas actividades de improvisación oral. Esta asociación, sen ánimo de lucro, ten como finalidade a investigación e a promoción dos desafíos orais improvisados en verso como as regueifas ou os brindos.

ÚLTIMAS

O PP de Monforte reclama ao pleno unha zona de baño pública para este verán

Dende o PP de Monforte insisten na necesidade de ofrecer unha alternativa gratuíta de...

‘CARNABAR’, a nova e festeira ocorrencia do ‘Colectivo Vermut’

"Entroido en movemento" ou "Roteiro de Entroido", así se podería definir o CARNABAR, unha...

CSIF alerta da situación da presa de Vilasouto, no Incio

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), vén de denunciar a "alarmante situación...

2,5M€ para mellorar as estradas da provincia

En Sober adxudicouse á empresa Fevisa Vías y Obras SL a mellora de sete...