HomeCulturaXabier Díaz presenta o seu novo traballo no festival 'As Cores do...

Xabier Díaz presenta o seu novo traballo no festival ‘As Cores do Outono’

O Concello da Pobra do Brollón dálle a benvida este sábado 27 de outubro á nova estación coa organización deste encontro coa música e o baile tradicional. Xunto a este senlleiro músico tamén actuarán no festival As Adufeiras do Salitre e os tríos Lideira e Carmela.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

As Cores do Outono está organizado polo Concello da Pobra do Brollón co apoio económico da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e terá lugar na tarde-noite do vindeiro sábado 27 de setembro. Como anticipo do festival, o venres 26 ás 20:00 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’, a etnomusicóloga Xulia Feixoo presentará o seu libro-CD ‘Concha do Canizo. Este pandeiro que toco…‘ no que aborda as prácticas de transmisión oral protagonizadas polo pandeiro na Terra das Frieiras, no suroeste da provincia de Ourense. Concretamente, por unha das grandes escolas de tocadoras do pandeiro en Galicia, a de Concha do Canizo. 

Os concertos, que terán lugar na Área Recreativa de Samugueiros, comezarán a partir das 21:00 horas, coas actuacións de Carmela, Lideira e Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre. No recinto tamén haberá lugar para postos de artesanía, produtos locais e alimentación. Un pouco antes, e para ir quecendo motores, ás 18:30 h ofrecerase un obradoiro de baile tradicional para todos os niveis a cargo de Gabi Reboredo. Para participar no mesmo prégase inscrición previa por WhatsApp no teléfono 650624828.

AS PROPOSTAS MUSICAIS DESTE ANO

Xabier Díaz presentará o seu novo traballo, ‘Axúdame a sentir’. Este título é un tributo á avoa do músico, Obdulia, quen lle repetía con frecuencia a frase, dando nome así a un proxecto “que desborda amor polas músicas herdadas de todas as Obdulias”. Sobre o escenario estarán Xabier a as Adufeiras do Salitre, xunto a Roberto Grandal (acordeón) e Iván Costa (zanfona). Un concerto de talentos inmensos que encherá de baile o torreiro de Samugueiros.

Carmela é un proxecto musical (trío) que basea o seu repertorio na tradición oral galega, entendendo a tradición como un ente flexible que se adapta ao contexto musical actual a través de sons que viaxan dende as percusións ata referencias electrónicas. Unha proposta única no seu discurso tanto musical coma extramusical, liderada por Carme López (voz e percusións), xunto a Camille Hedouin (electrónica e voces) e Sara Méndez (saxofón). 

Carmela. Foto cedida.

Lideira, pola súa banda, é un trío formado por Sara Méndez (saxofón soprano), Gabi Reboredo (voz e percusión) e Lois Prado (saxofón tenor e sintetizador). Lideira comezou a súa andaina nunha Foliada Guímara e agora vai amenizando os torreiros con pezas bailables polo país adiante. A partir das músicas de tradición oral, procuran un son persoal “a través da mestura de instrumentos de vento, percusións de man, voz e outras fantasías”.

Lideira. Foto cedida polo grupo.

ÚLTIMAS

Unha fin de semana para gozar do ‘Caldo de ósos’

Onte, venres 13, inaugurábase a exposición de fotos antigas “O legado que nos une”...

O PP de Monforte reclama ao pleno unha zona de baño pública para este verán

Dende o PP de Monforte insisten na necesidade de ofrecer unha alternativa gratuíta de...

‘CARNABAR’, a nova e festeira ocorrencia do ‘Colectivo Vermut’

"Entroido en movemento" ou "Roteiro de Entroido", así se podería definir o CARNABAR, unha...

CSIF alerta da situación da presa de Vilasouto, no Incio

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), vén de denunciar a "alarmante situación...