HomeCulturaPresentación literaria e concerto sobre 'memoria musical' e 'tradición'

Presentación literaria e concerto sobre ‘memoria musical’ e ‘tradición’

A entidade cultural 'Colectivo Vermut' presenta en Monforte “O violín que trae o vento”, un proxecto de recuperación da memoria musical de Modesta Fernández. Será este sábado, 13 de decembro, no Centro do Viño da Ribeira Sacra ás 12:00 h.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Colectivo Vermut vén de anunciar a organización dun evento cultural centrado na memoria musical e na tradición. O vindeiro 13 de decembro, ás 12:00 horas, o Centro do Viño da Ribeira Sacra acollerá a presentación e concerto do libro “O violín que trae o vento”, obra de Adrián Méndez Fernández, músico e investigador da cultura popular.

O proxecto recupera a historia de Modesta Fernández, coñecida como “a cega de Noceda”, violinista que animou durante décadas cegadas, polavilas e ruadas da Fonsagrada e das zonas lindeiras con Asturias. A obra, que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, recolle o traballo de investigación realizado por Adrián Méndez e ofrece tamén recreacións do repertorio de Modesta interpretadas por prestixiosas violinistas galegas: María Jorge, Aldara Palmeiro, Antía Ameixeiras, Marina Carpente, Carmen Gallego e Begoña Riobó.

Como curiosidade e detalle innovador, a devandita publicación inclúe ademais códigos QR que permiten escoitar as pezas reinterpretadas.

“Durante o acto, a dimensión sonora do proxecto estará moi presente cun concerto da violinista Carmen Gallego, que interpretará parte do repertorio recompilado”, comentan dende Colectivo Vermut.
O AUTOR E MÚSICO

Adrián Méndez Fernández —gaiteiro e zanfonista do grupo De Ninghures, profesor de baile tradicional e investigador da cultura popular— combina a interpretación musical coa docencia e a produción cultural, destacando polo seu labor de recuperación e divulgación do patrimonio inmaterial.

A OBRA E A SÚA PROTAGONISTA

‘O violín que trae o vento’ recupera a vida de Modesta Fernández López e o seu legado musical a través da memoria daqueles que compartiron momentos con ela. Non busca só revivir a súa música, senón entender o xeito no que a sentía e a facía súa, esa conexión íntima co instrumento que lle permitía converter cada nota nun relato, cada melodía nunha emoción.

O libro vén acompañado dunhas gravacións musicais que reinterpretan o legado de Modesta Fernández, traendo ao presente o son dunha violinista que nunca debeu ser esquecida.

Modesta Fernández López foi moito máis que unha violinista, foi unha voz inesquecible da música tradicional, unha artista capaz de transmitir emocións a través dos cordas do seu violín. A súa maneira de tocar, chea de matices e sentimento, marcou a quen a escoitou e deixou unha fonda pegada na memoria colectiva.

COLECTIVO VERMUT

O Colectivo Vermut, autoconsiderado como “almacén cultural”, é unha asociación de Monforte que desenvolve actividades culturais na cidade. Aposta por unha cultura de proximidade, o coidado dos detalles e a posta en valor do talento galego, ofrecendo nesta ocasión “unha proposta singular para o público da Ribeira Sacra e de toda a comarca”.

ÚLTIMAS

‘A Galeguiña’, da marca monfortina Gemma & Naza Cheesecakes, mellor Torta de Queixo de Galicia 2026

A torta premiada, bautizada como "A Galeguiña", nace cunha idea moi clara: render homenaxe...

Educación ambiental e baloncesto co proxecto ‘Ningún Aro Sen Rede’

De Lugo a Escairón, pasando por Monforte de Lemos e Antas de Ulla. A...

Folgoso do Courel homanexeu a súa castaña

A celebración é un importante punto de encontro para veciños e visitantes, cunha gran...

O PP esixe o arranxo urxente da LU-P-4112 en Pantón para garantir a seguridade do transporte escolar

Os deputados do Grupo Provincial Popular advirten a PSOE e BNG, tralo anuncio de...