Cando entras na Rede Museística Provincial de Lugo e te deixas seducir, entras a un universo novo de Culturas en Diálogo que non para de expandirse de Cousas Nosas. Pero os museos non eran exposicións, almacéns de obxectos? Si, pero desde aí, hai museos e institucións culturais relacionadas co noso patrimonio que levan tempo facendo dos suxetos o máis importante; e neses espazos poñen no centro ás persoas.
Entrei na Rede no 2022 por Proximidade LLunyana, buscaba unha “brúxula” e situáronme no tempo esas mulleres dos anos 50 coas súas maletas, que esperaban na estación polo Shanghai cara Barcelona. Esas maletas cargadas de soños e morriña, de valentía e abandono.
Proximidade Llunyana e Soterradas ensináronme as voces desas mulleres que tiñan que abandonar a terra ou as das que servían ao poder; esas voces que foron caladas na historia porque non tiñan acceso ao discurso oficial
Neste 18 de decembro, Día Internacional das Persoas Migrantes, toda a filosofía de traballo da Rede Museística Provincial de Lugo, adquire máis senso ca nunca. Non porque hoxe se celebraran actividades e eventos especiais, que si, se non porque se leva máis de dúas décadas atendendo á diversidade, á multiculturalidade, á inclusión ou a igualdade, traballando desde a horizontalidade co convencemento de que a única maneira de transformar a sociedade é desde a educación. Así o Museo da Migración da RMPL é hoxe unha realidade que pon voz ás distintas vivencias e tece redes de afecto en todo o mundo.
-Imaxinabas que ía haber un conflito por migración en Monforte, como que ocorreu este verán co ataque ao anunciado centro de migrantes?, pregúntame Encarna Lago, a xerente da RMPL.
-Non, resposto.
-Na xestión e na educación hai que adiantarse aos conflitos e cando xurden buscar solucións desde a información, o contraste, o rigor…non hai amenazas, esa á a clave. Non é oportunismo, non é agora toca migración, asegura.

Cousas Nosas Museo Pazo Tor decembro 2025 / ABF
Desde comezos deste mes de decembro a RMPL está desenvolvendo o programa COUSAS NOSAS: Dereitos culturais en acción. A educación e a cultura de paz. No primeiro encontro de saberes compartidos, Daniel Vázquez, que colabora en proxectos coa Rede, explicaba, “pasamos de emigrar a ser terra de recepción de migrantes. Europa son os principais migrantes en España e non se cosideran como tal. A migración vese como despectiva ou residual, cando todos somos migrantes, de campo ou de cidade, de traballo,…”.
Regresando á casa
Entramos nun universo de educación e cultura de paz? Medio cento de persoas acompáñannos nesta viaxe que nos leva en autobús practicando técnicas de ioga e escoita activa con Stephanie Cubides mentres nos achegamos ás distintas propostas que se foron desenvolvendo nos museos con Cousas Nosas, Dereitos Culturais en acción e esas mans e voces que crean e unen.
Jorge Jiménez do Laboratorio sobre Dereitos Culturais e Diversidade Cultural na Universidade de Zaragoza referiuse ás comunidades de aprendizaxe, “Transmitimos datos e coñecementos da realidade, pero démonos conta de que non llos sabiamos contar ás persoas que teñen códigos culturais distintos”. Jiménez asegurou que todo o que facía a RMPL se replicaba en Zaragoza, “incorporamos nas ensinanzas valores democráticos e sociolingüísticos e incorporamos a persoas migrantes como mediadoras na explicación das obras”.

Cousas Nosas Museo Pazo Tor decembro 2025 / ABF
Tamén o Museo Picasso de Barcelona traballa en construír comunidade e transforma o equipo de informadores de sala a mediadores e cambia os nomes: de monitor a educador, de visita guiada a visita comentada. A Xefa de Programas Públicos do Picasso de Barcelona, Tonina Cerdà, repasou a vida dun museo de arte contemporánea que traballa con artistas vivos e que ten como reto conseguir que o museo sexa acubillo.
Dentro dos moitos proxectos cos que colabora a Rede, desde Sacra Experience; Carlota contou como traballa a arte con persoas con discapacidade e como converteu un lugar residencial na Ribeira Sacra en centro de formación para cohabitar a creación, traballando coa naturaleza. “Ribeira sacra non se está habitando estase colonizando e hai que habitar espazos e comunidades”, afirma Carlota Pérez e cóllelle o relevo Paula Cabaleiro co proxecto de Estudo Aberto e o Reencontro e repasa o camiño recorrido da man da Rede para democratizar os procesos creativos e aterrizalos no territorio, “a Rede como referente de prácticas feministas puxo o foco nas mulleres artistas, visibilizounos e ofreceunos acubillo, estar na Rede é estar na casa”. Iso repetirían algunhas das mestras participantes en Cousas Nosas, “a Rede é a miña casa”. Zinthia Palomino, xornalista e escritora, repasa a súa experiencia con Hackeando a Rede e Cartografía de Acollida, mapeando a cidade de Lugo desde as necesidades das personas migradas, reflexando os espazos nos que foron ben tratadas. Deseguido camiñaremos por aí neste Día das Persoas Migrantes.

O autobús que levou ás participantes de Lugo ao Museo Pazo de Tor viaxará agora a Narla para seguir con relatorios e logo regresará á capital da provincia para unha cita teatral con Zulo de Palimoquiños Teatro. Obra gañadora do 1º Premio Xuventude Crea, que conta como un grupo de adolescentes toca o tema da memoria de ETA.
Que é a paz? Que é a guerra?
O autobús fai parada en Narla para seguir debatendo de Dereitos Culturais en Acción. Belén Castro da USC, abordará a educación histórica, interseccionalidade crítica e cultura democrática, “A historia que se contou nas aulas son narrativas hexemónicas, hai que formar ao profesorado en estratexias de interseccionalidade con actividades para traballar a desigualdade. Un mundo máis globalizado, multicultural e diverso, no pode serguir un tipo de ensinanza decimonónica. Desde o recoñecemento das identidades múltiples, formar na paz e actuar na transformación social”.

Cousas Nosas San Paio de Narla decembro 2025 / ABF
Mentres, nas aulas de secundaria o alumnado por primeira vez ten medo. Nas mesas as esvásticas e as letras do “cara o sol” cada vez son máis habituais, asegura Manuel Pousa do IES María Casares de Oleiros falando de Comprender a violencia para construír a Paz, percepcións estudantís sobre conflitos e violencia na aula.
Transmítense modelos acríticos para abordar temas complexos como a violencia ou a guerra o que fai necesaria unha interseccionalidade crítica na ensinanza da historia para contribuír á mellora das competencias de cultura democrática do alumnado. O centro de ensino de Oleiros traballa no proxecto (EDUHISDEM), que inclúe 3 subproxectos para formar ao profesorado e tratar nas aulas:
- Proporcionar criterios para desenmascarar e combater as informacións falsas
- Desmontar os discursos de odio
- Recoñecer as identidades múltiples nas sociedades actuais.
Descubrín que a xuventude sabe máis de guerra que de paz, como confirmarían tamén desde o Museo da Paz de Gernika a súa directora, Iratxe Momoitio e a responsable do departamento educativo, Idoia Orbe, que cando traballan co alumnado o que é a paz e a guerra e os seus personaxes, aseguran que “saben de guerra, de paz non”. Este Museo, símbolo de paz mostrando a violencia, nace no 1998 e a Fundación no 2002. Gernika aséntase na pedagoxía da memoria e da paz, contalo para que non volva suceder. Sácase o museo ao exterior con proxectos internacionais como Kids Gernika ou bombardeando Gernika con poemas, “arte e paz, unha linguaxe para dicir cousas que non se poden dicir con palabras”, aseguran.

RMPL, migración e discapacidade
Esa tarde en Narla, Encarna Lago, a xerente da Rede tamén presentaría o Museo da Migración da RMPL, resultado de 24 anos co programa Culturas en Diálogo e de máis de 800 iniciativas para educar en valores. “Con 126 nacionalidades na cidade de Lugo había que traballar a identidade e o conflito desde a cultura”, asegura Lago, “Somos espazos de investigación, conservación, difusión e de educación. Necesitabamos documentar os procesos levados a cabo e crear un espazo que fora un espazo de voces, un repositorio de vicencias. O Museo da Migración é unha ferramenta para dar resposta á situación, traballar a interculturalidade para prever. Educar en valores”.
Vinculado, tecido en rede, está a Cartografía de Acollida da cidade de Lugo, coa que a propia comunidade migrande identifica persoas e lugares onde está sendo ben atendida, “O feedback do Museo da Migración e todo o seu proceso é a necesidade que ten a xente de que lle deas voz, de ser escoitada, de ser comprendida, acollida….”, asegura Encarna e penso nas maletas das mulleres da provincia que nos anos 50 collían o tren cara Barcelona e que me trouxeron a Tor hai 3 anos.

Cousas Nosas, Día Internacional da Discapacidade no Museo Provincial de Lugo / RMPL
O 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, en Cousas Nosas falouse de Accesibilidade e coñeceuse o Museo Marítim de Barcelona, o primer museo de responsabilidade social do estado español da man de Teresa Soldevilla da área de responsabilidade social do museo. E chegouse a un museo feito a medida, o Thyssen: participación, cultura e saúde; co seu educador Alberto Gamoneda. Nesa xornada ducias de persoas con discapacidade encheron o Museo Provincial de Lugo para falar tamén de autocoidados e saúde mental; modas, miradas e persoas con discapacidade.
A coordinadora de Apropa Cultura Cataluña, Claudia Torner, expuxo o seu proxeto de rede de xestores culturais e programas sociais para facilitar conxuntamente a participación de personas en situación de vulnerabilidade, en propostas culturais do territorio. Desde Apropa Balears, María del Mar Matas destacaba, “prestamos atención cultural afectiva desde o acompañar, reivindicar o dereito, e dalguna maneira coidar aos axentes da rede. A RMPL é referente en rede afectiva, é modelo en dar acubillo desde a cultura. Esa capacidade que tedes en Lugo de xerar casa, realmente un museo social, que con iniciativas como esta crea espazos para reafirmarte no que cres e sentirte acompañada”.
Tecendo redes de comunidade para covivir
A xornada do 3 de decembro foi un exemplo de sociedade civil en acción reivindicando os seus dereitos. Como aconteceu este 18 de decembro co roteiro de Cartografía da Acollida, descubrindo lugares e persoas que facilitan a vida doutras persoas fortalecendo a comunidade.
E Encarna Lago volve a falar de comunidade, cando este mes recolleu no Centro Galego de Arte Contemporánea o I Recoñecemento A Colectiva, da Asociación Profesional de Artistas de Galicia, na categoría de Espazo de produción e/ou exhibición de arte contemporánea no ámbito público, á Rede Museística Provincial de Lugo.
A comunidade artística recoñece así o traballo que a RMPL leva desenvolvendo durante máis de dúas décadas. Un traballo en comunidade e coa comunidade, coas residencias, acompañando, difundindo. “Este recoñecemento pon en valor o compromiso coa arte e coas artistas galegas, o respecto polo Código de Boas Prácticas Artísticas, así como o traballo continuado de mediación, facilitación e difusión da arte contemporánea con perspectiva social”, e Encarna insiste nos piares, “traballar comunitariamente coa comunidade, covivir”.

Cousas Nosas, benestar no Museo Provincial de Lugo / RMPL
Seguimos en Cousas Nosas, falando de Dereitos Culturais en Acción e aparecen as actividades vinculadas cos museos como espazos de saúde e ademais de receitar museos da Rede, abórdanse os museos como espazos para o benestar. Leonardo Casado guía o faladoiro que anunciara na véspera súa compañeira Palomino, “traballamos no benestar físico, percibimos o noso corpo e vemos o que nos rodea no espazo, facemos ioga e relacionámonos coa historia, imos ao detalle unha mirada nun estado de pertenza“. Falando de saúde e museos afondouse tamén na importancia dos autocoidados na saúde mental, tal como se expuxo desde FEAFES Galicia.

Dalgún modo, todos somos migrantes e o 13 de decembro, a Rede celebrou a Xornada: Migracións e convivencia intercultural, viaxando a Grandas de Salime para inaugurar no Museo Etnográfico “Pepe El Ferreiro”, a exposición itinerante da RMPL “113+” de Evelyn Ruiz.

Este 18 de decembro, entre os actos de celebración, inaugurouse no vello cárcere, a exposición: Memorias Migrantes: Arquivo gráfico en construción de Adela Vázquez, Premio Ajerga 2024) e entrou en funcionamento o material filatélico editado por Correos que pon en valor e visibiliza o Museo da Migración da RMPL. As persoas que participaron do roteiro de Cartografía de Acollida recibiron o selo e a postal con franqueo pagado, o mesmo que as participantes en “Hackea a túa visita, Diálogos en clave decolonial pola RPML”, que acolle o Museo Provincial de Lugo este venres, 19 de decembro ás 17:00h.
Remata o Día Internacional das Persoas Migrantes, pero non é só o día, vén de atrás e seguirá. O material filatélico do Museo da Migración estará dispoñible durante un mes na Oficina Principal de Correos de Lugo para as persoas interesadas.
Ás portas destas datas de Nadal parece unha boa maneira de felicitar estas Festas, unha postal de Migración, Educación en valores e Paz.


