Na xuntanza estiveron presentes, ademais dos representantes da asociación promotora, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, a xefa da área de Turismo da Xunta en Lugo, Paloma Vázquez, e a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López.
O encontro de traballo serviu para coñecer como avanza a solicitude para obter este recoñecemento que outorga a Xunta a aquelas manifestacións festivas que acrediten determinados requisitos de antigüidade, singularidade, arraigamento, valor cultural, atracción de correntes turísticas e continuidade no tempo, xunto con outros criterios.
Durante a reunión púxose de manifesto a relevancia da Noite Meiga para Sarria, tanto no ámbito cultural como económico. O colectivo organizador salientou que ao longo de máis de 50 anos de historia, esta festa consolidouse como un dos eventos do verán máis recoñecidos da provincia, con moito arraigo entre a poboación local e unha crecente afluencia de visitantes.
O encontro serviu tamén para avaliar vías de colaboración da Xunta de cara á edición deste ano, que se volverá celebrar na última fin de semana de agosto.

