HomeCulturaCelia Díaz, ‘Filla Adoptiva de Quiroga’, presenta novo libro

Celia Díaz, ‘Filla Adoptiva de Quiroga’, presenta novo libro

Trátase da obra de teatro infantil 'O Castelo de Pena Redonda, o máis tolo da contorna', e o acto de presentación terá lugar este sábado día 9 de febreiro na Casa da Cultura de Quiroga ás 19:00 h. Falamos coa autora.

Publicado o

- Advertisement -

Celia Díaz Núñez suma un novo traballo literario ao seu currículo e aproveitará a ocasión para presentalo en Quiroga, vila á que está moi vinculada dende os anos da infancia. Tanto é así que o concello decidiu nomeala “Filla Adoptiva de Quiroga” o dezasete de maio do pasado ano.

A novidade literaria en cuestión é a obra de teatro infantil O Castelo de Pena Redonda, o máis tolo da contorna, traballo que gañou o ‘Premio O Facho de Teatro Infantil’ no ano 2016. Trátase do premio de teatro máis veterano das nosas letras e convócao a Agrupaçom Cultural O Facho da Coruña. Agora, dous anos despois, a obra sae publicada por Edicións Fervenza.

O libro

O acto de presentación terá lugar este sábado 9 de febreiro ás 19:00 h. no salón de actos da Casa da Cultura de Quiroga e nel participarán, ademais da autora, Ana María Núñez García, directora do CEIP de Quiroga e tenente alcalde do concello, e Ricardo Cid Paz, ilustrador do libro.  Como complemento a esta presentación terá lugar unha lectura dramatizada dalgúns fragmentos a cargo de Ignacio González Gómez, Natalia álvarez Díaz, Nadia Touzón López e Manuel Antonio González Gallego, alumnos de 5º e 6º de primaria do CEIP.

Que dificultades, se é que as ten para ti, atopas cando exerces de dramaturga?

Eu escribo narrativa e teatro e son dúas tarefas moi distintas. Escribir teatro supón o esforzo engadido de combinar texto literario e montaxe escénica, é dicir, non se trata só de idear uns diálogos, senón tamén de pensar na escenografía (decorado, vestiario, luces, sons…). Cómpre visualizar todo o que vai acontecer sobre o escenario e iso resulta complicado pero tamén moi gratificante e divertido.

O sábado presentas en Quiroga “O Castelo de Pena Redonda, o máis tolo da contorna”. De que vai esta comedia?

É unha peza humorística que se sitúa nun castelo en época medieval, exactamente no ano 1250, e está protagonizada por un bufón que se desespera por idear enredos e xogos cos que divertir ao rei Ramiro II, comellón, nugallán e pousafoles. Tamén hai unha princesa que non quere exercer como tal, pois o que a ela lle gusta é bailar e viaxar; unha raíña superficial e presumida; unha científica avanzada ao seu tempo; un exquisito cociñeiro francés; un doutor medio meigo; un contable que non ten nada que contar…  e un sapo cuxa chegada revolucionará totalmente a vida do castelo.

Hai na obra segundas lecturas, ensinanzas, reflexións… ou simple divertimento?

A obra pretende principalmente divertir, entreter. É unha historia fantástica e disparatada, mais poden extraerse algunhas ideas interesantes, por exemplo: a procura dos soños, a non aceptación das normas impostas, a viaxe como descuberta e aprendizaxe,  a  visibilización da muller na Ciencia… Tamén procura un achegamento á lingua galega de maneira lúdica pois o teatro é unha actividade privilexiada para que os rapaces e rapazas se divirtan lendo en galego, e ademais permite mellorar  a expresión oral, a comunicación,  a expresividade… é dicir, todas as competencias que aporta o teatro no ámbito escolar.

Despois da presentación do libro haberá unha lectura dramatizada. Que nos podes anticipar desa intervención?

Durante o acto intervirán varios nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria CEIP de Quiroga, baixo a dirección da súa profesora Ana Núñez, e realizarán unha lectura dramatizada das primeiras escenas da obra. Quero agradecer a Ana, Nadia, Ignacio, Natalia e Manuel esta colaboración que me brindan pois enriquece a presentación e, ao tempo, achega a obra aos seus destinatarios directos.

Sempre lle estiveches moi agradecida a Quiroga, pero que significou para ti o título de ‘filla adoptiva’?

O nomeamento de Filla adoptiva de Quiroga supuxo, sobre todo, unha gran emoción pois, aínda que non nacín aquí, tiña poucos anos cando me trasladei, de maneira que as miñas lembranzas infantís son principalmente quiroguesas e Rilke dicía que “a patria do home é a infancia”. Tamén significa un agradecemento por terme concedido esta distinción xa que son os recoñecementos das persoas máis próximas os que teñen máis valor, os que máis emocionan.

Haberá libros á venda o día da presentación?

Si. E poderán recibir, se o desexan, un exemplar asinado tanto por min como polo ilustrador, que tamén estará na presentación.

celia díaz núñez

Celia Díaz Núñez naceu no Páramo no ano 1961 pero aos poucos anos trasladouse a Quiroga onde pasou a súa infancia. En canto á formación académica é licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago e tamén diplomada en Maxisterio. Reside en Ourense onde desenvolve a súa actividade docente como profesora de lingua e literatura galega no ensino secundario.

Deuse a coñecer como narradora alá polo ano 2003 cando publicou Adeliña, novela gañadora do premio Pura e Dora Vázquez no 2004, premio que volveu gañar no 2012 con Rugando. En 2007 obtén o premio Breogán de contos co relato “Un tango na noite”. Ademais da obra que presenta en Quiroga é autora doutras obras de teatro infantil: Cataventos e cía. -II premio Barriga Verde de textos teatrais, en 2004- e Velaí vai o papaventos en 2014. Ademais destes e doutros premios literarios, publicou o libro de pasatempos Restra de letras no 2002, o ensaio literario Voces da terra no 1995 e materiais didácticos para a aprendizaxe da lingua galega. En Galaxia publicou as novelas A boca do monte en 2016 e Unha verdade amarga no 2017.

ÚLTIMAS

O IES Río Cabe felicita ao seu alumnado polas notas da ABAU

Dende o IES Río Cabe veñen de faccer público un comunicado no que trasladan...

O BNG insta no Parlamento arranxar de modo íntegro e real a estrada LU-651

O Bloque Nacionalista Galego instou no Parlamento arranxar a estrada LU-651 tendo en conta...

Por Chantada denuncia un ano máis a xestión do Campamento de Verán

Por Chantada-Interior Galego Vivo vén de solicitar acceso ao expediente de contratación da xestión...

Monforte desvela o cartel das Festas Patronais 2024

As Festas Patronais da cidade de Monforte, que terán lugar do 11 ao 16...