O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, vistou este xoves O Castro Art Village, sede dunha iniciativa multidisciplinar que realiza ao abeiro de Territorio Cultura, o programa da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co que se impulsa a actividade cultural en áreas non urbanas a través de propostas de promoción privada vencelladas á creación, mediación, investigación e exhibición.
Durante o percorrido coñeceu os resultados da primeira edición de KinoTerra Cinema Lab, que celebrou a primeira edición entre febreiro e marzo de 2026 ao longo de tres fins de semana. Este laboratorio residencial reuniu seis participantes procedentes de distintos puntos de Galicia e con traxectorias vinculadas ás artes escénicas, ao audiovisual e á creación contemporánea, nun programa que combinou formación intensiva, mentoría personalizada e produción de curtametraxes co territorio da Ribeira Sacra como escenario e detonante creativo.
O representante do Goberno galego puxo en valor a capacidade de proxectos como Kino Terra para xerar “actividade cultural estable nesde o territorio, conectando formación, creación e participación comunitaria” e subliñou que iniciativas como esta “amosan o potencial do rural galego como espazo de innovación cultural e audiovisual, con identidade propia e proxección de futuro”. Neste sentido, lembrou que coa última concesión de Territorio Cultura a Xunta destina 300.000 euros a 12 proxectos en 60 concellos do rural.

Kino Terra / Consellería de Cultura
O Castro Art Village
KinoTerra naceu coa vontade de poñer en valor o patrimonio inmaterial do rural galego a través da creación audiovisual, abordando cuestións como a despoboamento, o papel das mulleres, a migración ou o cambio climático. Destaca por unha metodoloxía participativa e colaborativa, polo uso accesible das tecnoloxías audiovisuais e pola creación dun arquivo dixital da memoria rural. Pretende así reforzar a identidade e cohesión das comunidades, darlles voz a colectivos pouco visibilizados (especialmente mulleres e persoas migrantes) e converter o patrimonio inmaterial nun motor de desenvolvemento cultural e territorial. O proxecto estrutúrase arredor de tres eixes: formación e creación, exhibición e mediación, e proxección exterior.
Jacobo Sutil puido coñecer tamén a visión de conxunto que define o traballo do Castro Art Village, unha aldea abandonada no corazón da Ribeira Sacra, agora rehabilitada de xeito integral onde tanto KinoTerra como o programa de residencias artísticas internacionais e os festivais promovidos nese espazo forman parte dunha mesma estratexia: consolidar este enclave da Ribeira Sacra como un lugar cultural vivo, sostible, arraigado no territorio e aberto ao mundo. Esta liña de acción busca, ademais, desestacionalizar a actividade cultural e turística, achegarlles ás aldeas do interior propostas que adoitan concentrarse nos contextos urbanos e contribuír así á fixación de poboación e á atracción de novos habitantes.
A primeira edición de KinoTerra Cinema Lab desenvolveuse en tres fases centradas na formación e desenvolvemento, a rodaxe en localización e a posprodución, cun equipo docente integrado por cineastas, profesionais técnicos e artistas en activo. Como resultado deste proceso producíronse catro curtametraxes: dúas realizadas polos equipos participantes e outras dúas impulsadas polos cineastas mentores, dentro dun modelo que combina aprendizaxe, creación e experiencia real de rodaxe. As obras resultantes iniciarán en xuño un circuíto de proxeccións territoriais no Saviñao, Taboada, Samos e Pantón, acompañado de mesas redondas co público e co equipo do proxecto. O programa complétase cunha acción específica de memoria viva, a través da que alumnado de ensino medio realizará vídeo-entrevistas ás súas avoas e avós para contribuír á creación dun arquivo audiovisual vinculado ao territorio. Esta dimensión comunitaria reforza un dos sinais de identidade de KinoTerra: a utilización da linguaxe audiovisual non só como ferramenta artística, senón tamén como instrumento de cohesión social e de preservación da memoria rural.

