O Vendaval desta edición de primavera 2026, estenderá o seu programa dende o 23 ao 31 de maio en diferentes localizacións dos concellos de Sober, Bóveda, Sarria, Chantada, Monforte e O Incio.
A Mostra xira arredor do cinema portugués pero tamén se contemplan outras atractivas actividades que complementan as proxeccións. O sábado 23 arranca n’A Palleira (Manán, Sarria) coa clase maxistral do cineasta ourensán Iván Castiñeiras, previa á proxección de Deuses de Pedra. Esta masterclass é unha das poucas actividades de pago da mostra e cómpre facer unha reserva previa no teléfono 677 229 463.
Seguindo coas propostas musicais, o domingo 24 o músico e actor vigués Joel Fontán ofrecerá un concerto na Aldaba de Rosende (Sober) en sesión vermú; mentres que o popular Davide Salvado actuará o domingo 31 en formato dúo para presentar o seu novo traballo Permita Deus. O concerto será na Casa da Memoria de Xullán, en Bóveda, ás 13:00 h.

PROXECCIÓNS E OUTRAS ACTIVIDADES PARA A RAPAZADA
Durante a semana desenvolveranse diversas actividades divulgativas dirixidadas a colexios e institutos. A primeira terá lugar o mércores 27 coa visita á Torre do Homenaxe de Monforte de Lemos, a proxección mediada de Nayola no salón de Actos da Casa da Cultura poeta Lois Pereiro de Monforte (para alumnado de institutos ás 12:00 h) e a excursión Máis que Románico por Sober.
O xoves 28 hai unha nova sesión de cine mediada coa proxección de Ice Merchants ás 10:00 h no Centro Sociocultural de Bóveda. O resto do día A Casa da Memoria de Xullán acollerá visitas guiadas, obradoiros de animación e unha actividade de observación de estrelas organizada pola agrupación astronómica Ío. O programa escolar péchase o venres 29 coa visita ao Museo Eulogio, no Incio.
FIN DE SEMANA DE PECHE
O sábado 30 a Mostra retoma a súa programación aberta no Auditorio de Chantada ÁS 19:00 h coa charla A coprodución con Portugal da man de Beli Martínez, fundadora da produtora Fílmika Galaika e experta na materia. Este mesmo día, ás 22:00 h proxección de Ariel, de Lois Patiño no Cinema Palleiriso de Chantada. Contarase coa presenza de Beli Martínez, produtora do filme.
Vendaval rematará o Pase de Primavera o domingo 31 na Casa da Memoria de Xullán, en Bóveda. O día arranca coa cata comparativa entre viños portugueses e da Ribeira Sacra, dirixida polo sumiller Humberto Loureiro. Esta actividade tamén é de pago e precisa inscrición previa no 636 21 47 58. Tras o concerto de Salvado, mencionado no comezo da noticia, a xornada péchase coa proxección ás 17:00 h da curta Noite sem distância, de Lois Patiño, e o posterior coloquio arredor da historia do contrabando da Raia, a cargo dos expertos Daniel Lanero e Xurxo Ayán.

