HomeCulturaCharlas sobre literatura e oftalmoloxía no IES A Pinguela

Charlas sobre literatura e oftalmoloxía no IES A Pinguela

O centro de ensino monfortino vén de ofrecer ao seu alumnado dúas interesantes conferencias. Nunha delas, sobre literatura e narración oral, a protagonista foi Paula Carballeira; e na outra, sobre protección ocular ante a próxima eclipse, tivo a palabra a oftalmóloga Marta Sampil.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Paula Carballeira, Premio Nacional de Teatro 2023, vén de visitar o IES A Pinguela días atrás para contarlle historias e falarlle de literatura e tradición oral ao alumnado de 2º e 3º ESO (A+B). Concretamente, falou sobre o proceso de creación do seu libro de lectura de Galego “Dentes de coello”, actividade organizada pola Biblioteca Olga Novo do centro.

Paula, licenciada en Filoloxía Hispánica, é escritora, intérprete, realizadora de contacontos e actriz galega. Participou en festivais de narración oral tanto a nivel nacional como internacional como Portugal, Polonia, Francia, Colombia, Brasil, Perú, Cabo Verde, entre outros. A meirande parte dos contos proveñen da tradición oral galega, á que engade a súa experiencia persoal. Escribe relatos infantís e xuvenís, ademais de poesía, ensaio e teatro. Moitos dos seus libros están traducidos a varias linguas. A temática que trata abrangue o misterio, a relación entre a vida e a morte e os medos, onde as mulleres teñen un papel protagonista e sempre con sentido de humor e tenrura.

Charla de Paula Carballeira. IES A Pinguela.

Pertence á compañía de teatro Berrobambán dende 1996, como actriz participou en varias series e programas na Televisión de Galicia, e como creadora obtivo o Premio Nacional de Literatura Dramática do Ministerio de Cultura 2023 pola súa obra “As alumnas”.

Paula Carballeira con Olga Novo na despedida á súa charla no IES A Pinguela. Foto: IES A Pinguela.
“OLLOS SEGUROS ANTE UNHA ECLIPSE”

Marta Sampil, médica oftalmóloga e responsable da Clínica Oftalmolóxica Dra. Marta Sampil de Monforte de Lemos, foi a outra relatora protagonista no IES A Pinguela. No seu caso, encargouse de impartir unha conferencia ao alumnado de 1º e 2º ESO (A+B) que titulou “Ollos seguros ante unha eclipse”.

A charla, solicitada a instancia da responsable do Planetario Matías Vázquez, tivo como obxectivo divulgar os perigos do sol sen unha protección segura e homologada ante o acontecemento astronómico que terá lugar o vindeiro 12 de agosto e posteriores. A información rigorosa e profesional da oftalmóloga serviu para alertar da posible irreversibilidade das lesións oculares ao intentar ver e desfrutar do fenómeno sen coñecementos suficientes.

Marta Sampil falando sobre protección ante o eclipse. Foto: IES A Pinguela.

ÚLTIMAS

O monfortino Miguel Arias campión do ‘Spanish Masters Internacional’ de Squash

A vitoria de Miguel Arias, que devolve o squash monfortino á elite máster, ten...

A falta de vivenda centra o foro que Ribeira Sacra Next promove o 19 de xuño no Parador de Monforte

Durante a presentación do encontro, na sede da CEO, os representantes das tres entidades...

O 28 de xuño o director de cine, José Luis Guerin, participa en Sober na proxección do seu filme ‘Historias del Buen Valle’

Aproveitando a presenza do cineasta na vila, o Concello de Sober organiza, en colaboración...

O IES Río Cabe de Monforte faise co 2º e o 3º posto na fase final do Parlamento Xove

A categoría de ESO formárona Estefanía Fernández Muñoz, Verónica Caplea, África Guitián García e...