Todo en marcha para que Sarria se converta esta fin de semana na capital do cinema galego. O vindeiro venres 22 comezará oficialmente o certame coa proxección ás 20:00 h. na Casa da Cultura da pezas realizadas polas alumnas e alumnos do IES Xograr Afonso e do IES Gregorio Fernández. Estes traballos son froito do Obradoiro de Creación Audiovisual impartido pola cineasta Anxos Fazáns esta semana, formación na que as rapazas e rapaces aprenderon conceptos básicos de produción para preparar a rodaxe e poder editar a curtametraxe.
Para o sábado 23 queda o groso das actividades da mostra na que se poderán ver ao longo do día o resto de obras audiovisuais desta edición, ademais dos coloquios correspondentes e un concerto musical que pechará o certame deste ano.
Ás 12:30 h. no local do Cine Clube La Unión – Leslie Nielsen terá lugar a proxección de tres filmes do director burelés Adrián Canoura: “Salitre nas veas”, “O porco e o seu espírito” e “Caerán lóstregos do ceo”. Dende a organización convidan a coñecer a obra deste creador lugués que, malia a súa xuventude, xa sorprendeu a programadores de festivais como Montreal, Bogotá ou Sao Paulo. A súa obra explora as esencias da identidade galega, especialmente dende o plano simbólico.
Salitre nas veas encáixase no xénero experimental no que home e mar son descoñecidos o un polo outro e loitan contra o tempo, contra a súa extinción, contra o final de si mesmos, pero respéctanse por igual.
O porco e o seu espírito é un retrato experimental. O home, na necesidade de explicar e entender o mundo que lle rodea, dá ao animal, especialmente a nivel simbólico, funcións desempeñadas, nun primeiro momento só para si mesmo. Crese que o porco adiviña o seu fin, sente a morte, e véspera da mata pasa a noite batendo na porta da corte, o que se expresa coa crenza de que esa noite se levanta sete veces para comer ao dono.
Caerán lóstregos do ceo é unha peza documental que toca a mística e a natureza. O lóstrego é un dos peores males para a sociedade rural galega e asóciase co maligno, co Demo…
Ao rematar a proxección das tres pezas haberá unha conversa/vermú co cineasta.
E pola tarde, na Casa da Cultura, o protagonismo absoluto será para as mulleres, tres cineastas galegas de talento prometedor que traen á ‘Escolma’ tres óperas primas. Ana Domínguez preséntanos ás 17:00 h. “Os fillos da vide”, Anxos Fazáns ás 18:30 h. “A estación violenta” e Diana Toucedo ás 20:15 h. “Trinta lumes”.
Os fillos da vide é un documental que naceu a partir das vivencias da directora ruesa na vendima, das súas lembranzas da infancia arredor desta actividade. A obra pretende enxalzar a vendima como un concepto que vai máis alá da simple recollida da uva pois representa unha festa familiar, un lugar para o encontro e a convivencia.
A estación violenta é unha película que parte da novela do lugués Manuel Jabois e trata dunha xeración triste e frustrada antes de tempo. Un reencontro inesperado cos mellores amigos da adolescencia que fará disparar as pulsións.
Trinta lumes é un documental no que a superstición e a traizón e atopan de fronte. A protagonista, Alba de doce anos, desexa descubrir o descoñecido, misterioso e fascinante da morte. Xunto ao seu mellor amigo, Samuel, entran en casas abandonadas, recorren aldeas perdidas e adéntranse no interior dunhas montañas que agochan outro mundo paralelo. Unha viaxe dende a inocencia para atopar o misterio da loita entre a vida e a morte. Un relato entre o documental e a ficción que transcorre nunha aldea do Courel coas súas rutinas diarias.
Tras as proxeccións están programadas conversas coas directoras Anxos Fazáns e Diana Toucedo.
Para rematar a xornada e a ‘Escolma’ deste ano haberá un concerto na Sociedade Cultural La Unión ás 23:30 h. a cargo de Baiuca con audiovisuais de Adrián Canoura. Unha combinación do máis avanzado e vangardista da música electrónica coas raíces máis puras e salvaxes da cultura tradicional galega.