InicioCulturaTodo o que debes saber da ‘4ª Escolma de cinema galego de...

Todo o que debes saber da ‘4ª Escolma de cinema galego de Sarria’

Protagonismo feminino para as cineastas galegas Ana Domínguez, Anxos Fazáns e Diana Toucedo nesta edición na que se proxectarán as súas óperas primas: ‘Os Fillos da Vide, ‘A estación violenta” e ‘Trinta Lumes’. Aquí atoparás un resume do máis importante do certame.

Publicado o

- Advertisement -

Todo en marcha para que Sarria se converta esta fin de semana na capital do cinema galego. O vindeiro venres 22 comezará oficialmente o certame coa proxección ás 20:00 h. na Casa da Cultura da pezas realizadas polas alumnas e alumnos do IES Xograr Afonso e do IES Gregorio Fernández. Estes traballos son froito do Obradoiro de Creación Audiovisual impartido pola cineasta Anxos Fazáns esta semana, formación na que as rapazas e rapaces aprenderon conceptos básicos de produción para preparar a rodaxe e poder editar  a curtametraxe.

Para o sábado 23 queda o groso das actividades da mostra na que se poderán ver ao longo do día o resto de obras audiovisuais desta edición, ademais dos coloquios correspondentes e un concerto musical que pechará o certame deste ano.

Ás 12:30 h. no local do Cine Clube La Unión – Leslie Nielsen terá lugar a proxección de tres filmes do director burelés Adrián Canoura: “Salitre nas veas”, “O porco e o seu espírito” e “Caerán lóstregos do ceo”. Dende a organización convidan a coñecer a obra deste creador lugués que, malia a súa xuventude, xa sorprendeu a programadores de festivais como Montreal, Bogotá ou Sao Paulo. A súa obra explora as esencias da identidade galega, especialmente dende o plano simbólico.

Salitre nas veas encáixase no xénero experimental no que home e mar son descoñecidos o un polo outro e loitan contra o tempo, contra a súa extinción, contra o final de si mesmos, pero respéctanse por igual.

O porco e o seu espírito é un retrato experimental. O home, na necesidade de explicar e entender o mundo que lle rodea, dá ao animal, especialmente a nivel simbólico, funcións desempeñadas, nun primeiro momento só para si mesmo. Crese que o porco adiviña o seu fin, sente a morte, e véspera da mata pasa a noite batendo na porta da corte, o que se expresa coa crenza de que esa noite se levanta sete veces para comer ao dono.

Caerán lóstregos do ceo é unha peza documental que toca a mística e a natureza. O lóstrego é un dos peores males para a sociedade rural galega e asóciase co maligno, co Demo…

Ao rematar a proxección das tres pezas haberá unha conversa/vermú co cineasta.

E pola tarde, na Casa da Cultura, o protagonismo absoluto será para as mulleres, tres cineastas galegas de talento prometedor que traen á ‘Escolma’ tres óperas primas. Ana Domínguez preséntanos ás 17:00 h. “Os fillos da vide”, Anxos Fazáns ás 18:30 h. “A estación violenta” e Diana Toucedo ás 20:15 h. “Trinta lumes”.

Os fillos da vide é un documental que naceu a partir das vivencias da directora ruesa na vendima, das súas lembranzas da infancia arredor desta actividade. A obra pretende enxalzar a vendima como un concepto que vai máis alá da simple recollida da uva pois representa unha festa familiar, un lugar para o encontro e a convivencia.

A estación violenta é unha película que parte da novela do lugués Manuel Jabois e trata dunha xeración triste e frustrada antes de tempo. Un reencontro inesperado cos mellores amigos da adolescencia que fará disparar as pulsións.

Trinta lumes é un documental no que a superstición e a traizón e atopan de fronte. A protagonista, Alba de doce anos, desexa descubrir o descoñecido, misterioso e fascinante da morte. Xunto ao seu mellor amigo, Samuel, entran en casas abandonadas, recorren aldeas perdidas e adéntranse no interior dunhas montañas que agochan outro mundo paralelo. Unha viaxe dende a inocencia para atopar o misterio da loita entre a vida e a morte. Un relato entre o documental e a ficción que transcorre nunha aldea do Courel coas súas rutinas diarias.

Cartel “Trinta lumes” de Diana Toucedo.

Tras as proxeccións  están programadas conversas coas directoras Anxos Fazáns e Diana Toucedo.

Para rematar a xornada e a ‘Escolma’ deste ano haberá un concerto na Sociedade Cultural La Unión ás 23:30 h. a cargo de Baiuca con audiovisuais de Adrián Canoura. Unha combinación do máis avanzado e vangardista da música electrónica coas raíces máis puras e salvaxes da cultura tradicional galega.

ÚLTIMAS

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...