Paradela respondeu días atrás á presentación de Memoria de sombra y bosque, a nova novela da escritora e ilustradora Estefanía Padullés, residente no municipio. O acto congregou a moita veciñanza e representantes institucionais arredor dunha obra que pon o foco na saúde mental e na adolescencia máis vulnerable.
A autora estivo acompañada pola alcaldesa de Paradela, Montserrat Mulet Sar; polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en Lugo, Manuel Antonio Fernández Piñeiro, e polo escritor e xornalista Xulio Xiz Ramil, que participaron nun coloquio no que se abordaron tanto o proceso creativo da novela como a realidade social que inspira a historia.
Durante o encontro, Padullés explicou que Memoria de sombra y bosque, publicada por Hércules de Ediciones, supón un cambio na súa traxectoria literaria. “Tras varios traballos vinculados ao álbum ilustrado, a autora adéntrase por primeira vez na novela cun relato de marcado contido social, construído a partir dun intenso labor de documentación sobre menores tutelados e adolescentes en situación de vulnerabilidade”, explican dende a editorial.
A presentación desenvolveuse nun ambiente próximo e participativo. Ao remate do acto, numerosos asistentes aproveitaron para conversar coa autora e solicitar a sinatura dos exemplares da novela, prolongando un encontro que confirmou a boa acollida da obra entre o público da comarca.



