HomeCulturaEste 18 e 19 de xullo, Ferreiros na Pobra do Brollón celebra...

Este 18 e 19 de xullo, Ferreiros na Pobra do Brollón celebra a IV edición de Brindadeira

A parroquia de Ferreiros na Pobra do Brollón acolle por cuarto ano consecutivo o festival Brindadeira. Cine, música, xogos, un taller de brindo e mesmo un concurso de tortillas, protagonizan a programación este sábado 18 e domingo 19 de xullo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Brindadeira xurdiu dunha iniciativa do goberno municipal para recuperar a tradición do brindo, un xénero de improvisación oral cantada propio de terras da Pobra do Brollón, así como doutras zonas da montaña lucense e incluso do Bierzo.

Esta cuarta edición do festival Brindadeira é novamente organizada polo Concello da Pobra do Brollón en colaboración coa Asociación veciñal de Ferreiros e co apoio da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Toda a programación terá lugar no local social e no campo da festa de Ferreiros.

O evento comeza o sábado 18 ás 18:30 horas coa proxección, no marco do Ciclo Mestre Mateo, da longa documental Ao son da nova regueifa. Dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas, o filme é unha viaxe por Galicia na procura das pontes construídas entre a regueifa tradicional e as súas expresións máis contemporáneas. Ás 20:00 horas comezará o obradoiro de brindos. A participación é libre e dirixida a público de todas as idades con interese en aprender e practicar de xeito divertido e didáctico esta forma de improvisación oral.  

A partir das 21:00 horas, a música adquire protagonismo en Brindadeira cun concerto de A Voz das Mouras, proxecto musical que combina voz, pandeireta e guitarra dun grupo de mulleres ourensás vinculadas á música tradicional galega. A proposta busca remexer os estereotipos vinculados ao xénero a través de arranxos de pezas coñecidas e mesmo composicións propias, empregando a retranca e o humor como fío condutor. A formación conta ademais coa artista xorda Ruth Lovera, especialista en Lingua de Signos Española (LSE), para ofrecer concertos inclusivos. A noite rematará con baile e ton festeiro cunha sesión de La Sincereza DJ. 

O domingo, o festival retomarase a partir das 11:30 horas coas ‘Brind’Olimpiadas’. Realizaranse probas por equipos nas que, mediante o xogo, se practicará o aprendido no obradoiro de sábado: dende facer rimas ata construír unha copla completa. Rematará cunha gran proba final onde os equipos terán que demostrar canto saben sobre o brindo e sobre a parroquia de Ferreiros. A participación é libre e non é necesario ter asistido ao obradoiro do sábado para xogar.

Brindadeira culmina coa II Cata de tortillas, tras o éxito da iniciativa na edición anterior do festival. A organización anima aos asistentes a levar unha tortilla para compartir na cata colectiva; as tres máis votadas recibirán un premio.

Toda a programación é de entrada libre e de balde. Para máis información pódese consultar a páxina web do Concello da Pobra do Brollón (http://www.concellodapobradobrollon.gal/gl), así como no seu perfil de Facebook (facebook.com/apobradobrollon) e de Instagram (@guimaralia).

ÚLTIMAS

Triacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo “O Camiño de Vieiras Amarelas”

Triacastela será este sábado unha nova etapa de "O Camiño de Vieiras Amarelas", o...

Propostas para mellorar o enoturismo na Ribeira Sacra: redistribución de actividades, ferramentas dixitais e formación do sector

O traballo, Propostas de acción para o enoturismo en Galicia e Rexión Norte de...

Obradoiro de pasatempos en galego para alumnado de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso

O alumnado do CEIP San Clodio, do CEIP de Quiroga e do CPI Uxío...

Alumnado dos centros educativos de Chantada reinterpretan ao artista local Manuel Jorge nunha exposición

A exposición "Manuel Jorge. Unha mirada nova", inaugurada este luns 21 de setembro no...