Descubrir a obra de Manuel Jorge e experimentar con ela. Esa foi a proposta que a Asociación que está a construír o museo do pintor en Chantada propuxo aos centros educativos da vila e na que participaron máis de trescentos alumnos e alumnas do IES Val do Asma, IES Lama das Quendas, CEIP Eloísa Rivadulla e CEIP Xoán de Requeixo.
O resultado da experiencia viuse pendurado das paredes dos centros na última semana do curso e formará parte dunha mostra que estará no mes de setembro no Auditorio Municipal, na que as creacións do alumnado dialogarán cos cadros, planos e fotografías que as inspiraron.
A actividade desenvolveuse durante o terceiro trimestre de curso e contou coa implicación entusiasta das docentes encargadas das disciplinas artísticas. Como arranque, o alumnado recibiu unha charla de presentación do autor e unha introdución ao proxecto do Museo Manuel Jorge conducida por Cristina de la Torre. Para ese encontro inicial, levouse ao aula un cadro escollido previamente polas profesoras como eixe do seu traballo, para que os estudantes viran en directo aquelo no que, dende a liberdade creativa, podían inspirarse.
No CEIP Eloísa Rivadulla, baixo a coordinación de Raquel Riesgo e Blanca Bermúdez, escolleron as pinturas xeométricas e cheas de cor da última etapa de Manuel Jorge para crear deseños téxtiles coa técnica da estampaxe. Foi o mesmo procedemento que empregaron no IES Lama das Quendas para crear imaxes inspiradas nas fotografías do concurso Pedra Sacra impulsado hai uns anos pola Asociación.
Con cartóns, cepillos, algodóns ou cortizas, o alumnado foi creando texturas e imaxes que lembran a serie As catedrais do pintor.
Os grandes retratos azuis foron a inspiración escollida por Lola López no IES Val do Asma para facer retratos de Manuel Jorge e da súa muller Christina Snellman cunha técnica de fíos moi meticulosa e cun resultado sorprendente. Sandra Sánchez, no CEIP Xoán de Requeixo, traballou co autor dende a perspectiva de pintor e arquitecto, empregando a cor dos cadros e os planos deseñados por Manuel Jorge para inspirar aos máis pequenos. Así, moitos crearon as súas casas ideais nas que non faltaban canchas deportivas, cortes para o gando, e incluso palcos de orquestra ou de conexión coa Nasa.
O resultado destes traballos ocupou durante uns días as paredes dos colexios, onde recibiron a visita de Mercedes Vázquez, presidenta da Asociación Amigos de Manuel Jorge, quen lles fixo entrega dun diploma como agradecemento pola súa participación e anunciou que unha selección das obras formará parte dunha exposición que estará no Auditorio municipal de Chantada durante o mes de setembro. A idea da mostra é presentar un diálogo entre as creacións do alumnado e as obras de Manuel Jorge que as inspiraron, podendo ser visitada por alumnos e familias, co obxectivo de fortalecer o vínculo co legado do pintor e o futuro Museo.
Para a organización da exposición, o colectivo conta coa colaboración do Concello de Chantada quen tamén apoiará a Asociación noutra actividade planificada para este verán. Trátase da Cata con Arte: viños e pintura contemporánea, que se celebrará o 26 de xullo no marco do festival 17º Ribeira Sacra. Nela ofrecerase unha degustación itinerante pola zona vella de Chantada con viños da zona e cadros de Manuel Jorge.

Xoán de Requeixo / Asoc Manuel Jorge

