Aínda que se fixo esperar este ano, o Fancine de Lemos vén de anunciar a súa programación co obxectivo de seguir consolidando a súa proposta referencial do cinema fantástico en Galicia. A presentación oficial será o xoves 23 de xullo ás 20:00 h no Casino Ateneo, lugar onde tamén se poderá ver o Primeiro Bloque de curtas a concurso, e ás 23:00 h proxectarase a película Scanners no Multicines Hollywood. Como en edicións anteriores, os organizadores afirman que o evento “manterá o seu compromiso coa difusión de propostas innovadoras e coa creación dun espazo onde teñen cabida aquelas narrativas que habitualmente permanecen fóra dos circuítos comerciais”.
Nesta duodécima edición, o Fanzine rende homenaxe a Scanners (1981), a icónica película de David Cronenberg, coincidindo co 45º aniversario da súa estrea. A influencia da obra reflíctese tamén na imaxe oficial do certame, que reinterpreta a estética cyberpunk e underground do filme. Nela, a mascota do festival, o coñecido Fancinito, transfórmase para mergullarse nun universo visual inspirado no cartel orixinal da película, converténdose no símbolo dunha edición marcada polo horror corporal e a ciencia ficción máis provocadora.
Ao longo de catro intensas xornadas, o Ateneo Casino e os Multicines Hollywood acollerán unha coidada selección internacional de obras audiovisuais. A programación incluirá longametraxes fóra de concurso e as xa consolidadas seccións competitivas de curtametraxes, que volverán reunir algunhas das propostas máis destacadas do panorama nacional e internacional producidas entre 2025 e 2026.
PREMIOS PARA AS OBRAS SELECCIONADAS
O premio á Mellor Curtametraxe Nacional, decidido por un xurado profesional; a Mellor Curtametraxe Internacional, escollida pola comisión especializada; o Premio Especial do Público, resultado das votacións dos asistentes ás proxeccións; e o Premio Algueira á Mellor Curtametraxe Galega, co que o festival continúa impulsando e recoñecendo o talento audiovisual da comunidade.
ACTIVIDADES PARALELAS
Este ano haberá unha mesa redonda co xurado da 12ª edición na cafetería Mon, come y sueña (sábado 25 ás 12h), así como a proxección especial de Scanners (23 de xullo nos Multicines Hollywood). O Ateneo Casino acollerá tamén durante todo o festival a exposición Arcana, unha proposta que establece un diálogo entre os Arcanos Maiores do tarot e o imaxinario do bestiario medieval. “A través deste percorrido, o tarot convértese no fío condutor dunha mostra que conecta tradición e contemporaneidade, demostrando que estes símbolos seguen plenamente vixentes e convidando ao visitante a descubrir novas formas de interpretar o seu significado”, explican dende a organización.


