A programación musical desta décima edición contará con The Divine Comedy como un dos grandes protagonistas. A banda liderada por Neil Hannon ofrecerá en Dezaseteº Ribeira Sacra o seu único concerto en Galicia en 2026 e a súa segunda actuación en España durante este ano.
O cartel reúne tamén a Sidonie, unha das formacións máis destacadas da escena independente estatal; e a Baiuca, que chega á Ribeira Sacra na recta final da xira de Barullo, nun dos seus penúltimos concertos antes do peche desta etapa artística. Completan a programación Anni B Sweet, Puño Dragón, Vera Fauna, Los Invaders, MounQup, mariagrep & Mundo Prestigio, pablovalle, Rivouzo DJs e Tristón DJ.
Un dos elementos máis recoñecibles e icónicos de Dezaseteº Ribeira Sacra é a súa programación de experiencias, concibida para coñecer o territorio a través dos seus viños, sabores, oficios, paisaxes e patrimonio. Nesta décima edición desenvolveranse once propostas repartidas por diferentes enclaves da Ribeira Sacra. Haberá navegación polo río Sil, actividades vitivinícolas, rutas, visitas singulares, gastronomía e encontros que convidan a vivir o territorio de maneira pausada e respectuosa.

O festival manterá tamén a súa aposta por abrir parte da programación ao conxunto do territorio e ofrecer actividades de entrada libre. O sábado 25, o Santuario de Nosa Señora de Cadeiras, en Sober, acollerá desde o mediodía o Mercado Gastro(Arte)Sano, unha proposta que reunirá gastronomía, viños e produtos vinculados á Ribeira Sacra. A xornada contará, ademais, co concerto de Los Invaders no Escenario Alhambra e con diferentes sesións DJ.
O peche do décimo aniversario chegará o domingo 26 á praza do Cantón de Chantada, cunha nova xornada de acceso libre protagonizada por Vera Fauna. A actuación completarase con música DJ e cunha zona gastronómica, convertendo o centro da vila nun espazo de encontro para despedir tres días de festival. Coa organización do 17º Ribeira Sacra colaboran a Xunta de Galicia a través do Xacobeo, a Derputación provincial de Lugo, concellos e empresas.
As persoas interesadas en coñecer a programación ao completo poden consultar a páxina web do Festival 17º Ribeira Sacra: https://festivalribeirasacra.com/ .

