A Pobra do Brollón comeza cunha foliada en Vilachá de Salvadur o seu programa cultural e de lecer deste verán, evento que dará paso a outras propostas interesantes para todos os públicos. Nas tardes dos mércores 5, 19 e 26 de agosto haberá xogos populares na área recreativa Samugueiros, actividade que estará aberta a todo o mundo que queira participar e que se desenvolverá entre as 17:30 e as 20:30 h. A chave, a tira-soga, os bolos celtas ou a petanca serán os principais xogos tradicionais que se propoñen.
As tres tardes devanditas rematarán con espectáculo: o día 5, cun concerto do cantautor punk O Leo i Arremecághona dentro da súa xira de ‘Unha lapa lene’; o mércores 19, o dúo Nico Mao & María Oxeito interpretará cancións propias e versións en diferentes estilos musicais usando voz, guitarra e melódica; finalmente, o día 26, haberá un espectáculo de maxia de A Maga Fani. Os tres eventos empezarán ás 21:00 horas.
TEATRO, ROMARÍAS E CINEMA
O teatro tamén ten un oco na programación da Pobra do Brollón. Será o xoves 13 de agosto co espectáculo ‘Movendo os marcos’ da agrupación teatral galega-catalá Furafollas. “A obra, que comezará ás 21:00 na Casa da Cultura ‘Olga Novo’, busca ‘mover os marcos físicos e mentais’, facendo un repaso en ton irónico da nosa historia desde o século XX, incidindo no impacto das tecnoloxías dixitais”, comentan dende a Concellería de Cultura do concello.

Na axenda estival da Pobra do Brollón hai ademais dúas datas sinaladas que ano tras ano atraen a veciños e visitantes. A primeira, a Romaría de San Lourenzo que o 10 de agosto celebra a súa novena edición no castro de Cereixa, organizada pola Asociación veciñal María Castaña. A segunda, a tradicional Romaría de San Vitoiro, unha festa con xantar de campo, música e confraternidade que se celebra en Saa o 27 de agosto, sendo ademais festivo local no concello da Pobra do Brollón.
A programación compleméntase con cinema que chega ao concello da man do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que fai posible achegar as mellores producións galegas a diferentes parroquias do municipio. O ciclo comezou o mércores 29 coa proxección de Sirât de Óliver Laxe na Casa da Cultura ‘Olga Novo’. En vindeiras datas haberá outras seis proxeccións repartidas polas parroquias de Cereixa, Canedo, Vilachá, Óutara, Salcedo e Eixón.
Os eventos de verán na Pobra do Brollón rematan o domingo 6 de setembro co V Trail e Andaina Capela do San Vitoiro. As inscricións xa están abertas nas súas distintas modalidades: trail de 28km e 14 km e andaina de 14 km e 9 km.

